A transformación dixital avanza a un ritmo imparable, mais o debate público sobre ela segue, moitas veces, marcado polo medo ou o oportunismo acrítico. Neste escenario xorde a pregunta central: esta dixitalización está ao servizo da cidadanía ou consolídase sobre alicerces que ameazan os dereitos fundamentais? É neste contexto onde se sitúa o novo ensaio da activista e tecnopolítica Simona Levi.
Simona Levi, nacida en Turín en 1966 e residente en Barcelona desde hai máis de tres décadas, é fundadora de Xnet, unha plataforma sen ánimo de lucro que promove a defensa dos dereitos dixitais, a transparencia institucional e a loita contra a corrupción no Estado Español. A súa experiencia con Xnet proporciona unha perspectiva directa sobre os desafíos da dixitalización e a gobernanza tecnolóxica, combinando análise e acción cidadá.
Publicado en setembro de 2024 polas editoriais Rayo Verde (castelán) e Raig Verd (catalán), o libro “Digitalización democrática. Soberanía dixital para as persoas” preséntase como unha ferramenta de acción cidadá. A obra xorde como evolución dun informe encargado a Levi en 2021 polo entón presidente do Parlamento Europeo, David Sassoli, para estudar como garantir unha dixitalización democrática e inclusiva.
No libro, Levi realiza unha crítica contundente ao poder das grandes corporacións tecnolóxicas, que describe como “señoros latifundistas” que transformaron os espazos dixitais cotiáns en “latifundios extractivos privados”. A autora sinala a responsabilidade das institucións, que permitiron que empresas como Google, Amazon, Facebook, Apple ou Microsoft ocupasen o espazo público dixital mediante prácticas de dumping e software non auditable.
Como alternativa, Levi propón un modelo baseado en tres piares fundamentais: a obrigatoriedade de software libre e auditable nas administracións, o uso de servidores soberanos controlados pola cidadanía e a segmentación das licitacións públicas para favorecer as pemes fronte aos macro-contratos das multinacionais. Entre as propostas concretas destaca a creación dun correo electrónico público europeo ou a adquisición institucional do navegador Firefox.
Con esta obra, Simona Levi ofrece unha folla de ruta para un futuro dixital máis xusto, onde a tecnoloxía funcione como infraestrutura de interese público e contribuía a fortalecer a democracia, recuperando o control da cidadanía sobre os espazos dixitais fronte ao dominio das grandes corporacións.

