Preguntas máis frecuentes
13 Editora
13 Editora é un proxecto editorial sostible e autoxestionado, que traballa dende un enfoque crítico, emancipador e contracultural para ofrecer contidos narrativos, visuais e audiovisuais relacionados coa construción de alternativas e resposta social. A súa produción focalízase en a) ensaios de carácter reflexivo e didáctico, cun enfoque tanto académico como divulgativo, e b) manuais que ofrecen unha formación completa e específica en eidos concretos do campo do activismo, dende un enfoque práctico. En ambos casos, compleméntanse aqueles títulos que constitúen un referente nos seus respectivos eidos con títulos máis recentes, descoñecidos ou descatalogados.
13 Editora aspira a ser unha Editora que, a través da difusión de olladas e voces diferentes ás das correntes maioritarias, repercuta positivamente na activación das persoas e sociedades dotándoas de ferramentas de carácter diverso para interpretar e diagnosticar a realidade e a si mesmxs dende unha perspectiva plural e crítica en prol dun sistema social xusto.
13 Editora guíase polos seguintes principios ideolóxicos:
- PLURALIDADE. 13 Editora asume que non existe unha única realidade a pensar, debater e analizar, sendo preciso comprender a vida social e as súas múltiples interrelacións, procesos e dinámicas como unha construción integral, dialéctica, complexa e multidimensional. Así, comprendemos que os distintos planos da realidade económica, social, política ou cultural deben ser entendidos como partes dun todo, en constante interacción e movemento, e entendemos que cada un destes eidos admite distintas perspectivas. Aspiramos a superar dous importantes escollos: por un lado, a minorización de culturas, enfoques e voces, ofrecendo sempre materiais de corte contracultural, alternativo e aberto que contribúan á visibilización das distintas orientacións. Por outro, a caída na produción endogámica e autorreferencial que limita o encadre a un único punto de vista, minusvalorando aqueles outros que non encaixen co noso.
- OLLADA CRÍTICA: 13 Editora ten un compromiso coa formación e a información entendida non como un produto de consumo masivo, senón como un dereito. O noso carácter independente e autoxestionario evita a necesidade de caer na espectacularización da información que, dende unha perspectiva mercantilista ou centrada no consumo masivo, atenda a criterios de rendibilidade económica por riba de todo. Así, é posible realizar unha abordaxe crítica (por tanto, analítica, incisiva e enunciativa) dos distintos contextos, protagonistas, sucesos e conceptos que configuran a realidade social, a partir da cal construír alternativas e resposta social así como infindas vías para enfocar a realidade que nos rodea.
- COMPROMISO: O compromiso constitúe un valor dende dous puntos de vista. Por un lado, denota unha asunción total de responsabilidade en todo o tocante a respectar, exercer e atender todo tipo de cuestións relacionadas cos dereitos humanos, o anticapitalismo e o ecoloxismo e, por extensión, das inxustizas que se produzan no planeta. Unha responsabilidade que se exerce por medio da publicación de materiais de diversa natureza que abordan este temas de xeito rigoroso, integral, crítico e propositivo. Por outro lado, este compromiso afecta de xeito transversal a toda a iniciativa así como a todas as fases de actividade encadradas no marco da mesma.
- CREATIVIDADE: 13 Editora entende que o proceso creativo precede ao impulso da actuación, dado que a creación artística contribúe a articular a protesta social e a canalizar a necesidade de cambio da cidadanía. A creatividade, como valor intrínsecamente vencellado á innovación e á calidade, ofrece novas vías de persuasión da razón dende a emoción. Entender a creatividade como un valor central da nosa actividade implica recoñecer que a creación artística ten unha capacidade real para construír significados, opinións e alternativas.
- EMPODERAMENTO: O carácter emancipador de 13 Editora supón que esta iniciativa é asumida como un axente mediador, pois facilita o recoñecemento e a comprensión da realidade social, co obxectivo de empoderar á cidadanía e dotala de ferramentas de intervención coherentes, efectivas e eficientes. Trátase, por tanto, dunha iniciativa con vocación activadora (pois pretende accionar mecanismos de mobilización social con capacidade transformadora) e proactiva (promovendo a toma de conciencia crítica e o control do escenario social por parte das persoas, a través da asunción dun rol activo, crítico e solidario).
- SUSTENTABILIDADE: Acorde cos valores de independencia e autoxestión, 13 Editora opta por atopar novas fórmulas de financiamento e organización interna que permitan a posta en marcha dunha iniciativa cuxa planificación, promoción, execución e distribución sexan completamente técnicas e profesionais, aínda que non haxa ningún tipo de remuneración para as persoas que conforman a Editora, que serán ademais quen teñan nas súas mans a totalidade de toma de decisións. Así, 13 Editora garante a súa propia permanencia como iniciativa sostible e cooperativa. Por outra banda, e en coherencia cos puntos básicos de ECOAR))), 13 Editora responsabilízase coa defensa do medio ambiente e a conservación do planeta; polo que escolle procesos e canles de creación e distribución respectuosos co medio ambiente.
13 Editora debe o seu nome a un episodio histórico. No Barracón 13 do campo de concentración de Mauthausen, diferentes persoas acugularon, nun pequeno armario agochado no interior do barracón, unha biblioteca clandestina composta por case 200 volumes en diversas linguas que permitían abrir acotío unha fiestra dende a que fuxir do horror que xs asolagaba día a día.
Estes libros chegaban a Mauthausen dende diferentes partes do mundo a través das persoas que eran encerradas no campo de concentración pois era, na maioría das ocasións, o único elemento de compaña e apoio do que dispuñan durante todo o camiño que percorrían na loita contra o rexime nazi.
Cada un destes libros, fonte de evasión e símbolo de resistencia, foron rescatados da destrución e rehabilitados, un por un, polxs propixs presxs, que aproveitaban os fíos dos seus propios pantalóns ou as labras da propia estrutura do Barracón para reconstruílos.
13 Editora é un proxecto dependente de Pepa Loba, unha asociación sen ánimo de lucro, tal como establece a Lei orgánica 1/2002 do Estado Español, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación.
13 Editora é un proxecto que nace ao abeiro de ECOAR))) e que se conforma na súa totalidade por activistas de diversa índole e procedencia. 13 Editora depende de Pepa Loba, unha asociación sen ánimo de lucro, que non conta con ningunha persoa remunerada dentro da súa estrutura.
Administración económica
13 Editora finánciase directamente por medio da venda de libros e outros materiais editados, coas doazóns, e, nos casos precisos, coa posta en marcha de campañas de diverso tipo destinadas á edición de novos materiais.
A Editora non admite:
- cartos de gobernos nin entidades transnacionais de ningún tipo.
- cartos de persoas físicas ou xurídicas que non respecten os seus principios.
- ingresos por publicidade.
O diñeiro de 13 Editora invértese no mantemento da propia estrutura da Editora (garantindo a súa sustentabilidade) así como na edición de novos materiais (consecución de dereitos, produción, distribución, difusión e promoción) e no apoio económico ao desenvolvemento de campañas, proxectos, accións e iniciativas promovidas por ECOAR))) e Pepa Loba.