Recuperamos o xénero da ucronía revisado hai un par de publicacións para a oncena proposta desta serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia. Trátase dunha das obras de máis recente publicación de entre as xa revisadas, e un dos máis coñecidos referentes do steampunk. Unha historia, por tanto, na liña do retrofuturismo que, se ben mantén unha base crítica, amosa un certo optimismo á hora de propor o futuro dende o pasado: A máquina diferencial, de William Gibson e Bruce Sterling.
Escrita no ano 1990, A máquina diferencial trasládanos a unha Inglaterra victoriana en plena revolución industrial, gobernada por Lord Byron, representante do Partido Industrial Radical (defensor da meritocracia e os avances industriais). Nese contexto, o matemático Charles Babbage presenta ao mundo a súa máquina diferencial, unha inmensa computadora analóxica que funciona con vapor e precisa dunhas tarxetas perforadas para o tratamento dos datos. A creación de Babbage comeza a producirse a gran escala, e pasa a ser un invento de uso común na sociedade. Esta rápida expansión coloca a Gran Bretaña nunha posición relevante no mundo, como referente tecnolóxico e económico, o que lle confire un poder político e comercial destacado. A trama da novela xira en torno á aparición dunhas estrañas tarxetas perforadas que conteñen unha valiosa información, capaz de proporcionar unha situación vantaxosa a quen a coñeza. Así, varias personaxes lanzaranse á procura destas tarxetas, nunha carreira que permitirá aos autores desenvolver toda unha realidade alternativa plagada de personaxes históricas con vidas moi distintas ás que coñecemos.
Como xa revisamos no texto dedicado a Neuromante, William Gibson (1948) é un destacado autor de ciencia ficción estadounidense, precursor do ciberpunk e gran referente da literatura distópica. A profunda análise das reaccións humanas fronte aos procesos de modernización social e tecnolóxica xa realizada en outras obras do autor está tamén presente en A máquina diferencial. Nesta obra ofrece unha visión un tanto ambivalente dos avances tecnolóxicos, recoñecendo tanto o seu potencial emancipador e xerador de poder e riqueza como as negativas consecuencias do uso indebido (interesado, egoísta, fanático) dos mesmos.
Pola súa parte, Bruce Sterling (1954) é outro dos nomes clave da literatura de ciencia ficción. Recoñecido por desenvolver unha obra comprometida co xénero e coa sociedade, nas súas novelas toca moitos dos temas máis relevantes dos últimos cincuenta anos: enxeñaría xenética, control de recursos naturais, colonización de territorios, guerras, progresos tecnolóxicos, computadorización masiva ou división social, entre outros.
Como ucronía que é, se ben esta obra parte de acontecementos e persoas reais, o desenvolvemento das mesmas, as súas accións e mesmo a posición que ocupan nesta realidade alternativa proposta polos autores ten puntos en común co realmente acontecido, pero tamén moitas diferenzas. Cabe destacar, neste caso, o feito de que, se ben a proposta da máquina diferencial foi realmente formulada por Babbage, esta nunca chegou a construírse. Tampouco parece probable atopar a Lord Byron á fronte do país como Primer Ministro, ou a Marx creando unha comuna en Nova York. Pero a presenza destas e outras personalidades na historia permite aos autores ofrecer un marco político que xustifique a presenza de movementos revolucionarios, anarquismo, corrupción política e policial ou incompetencia profesional na trama. Ofrecer un contexto, en definitiva, que conecte ambos os dous momentos históricos: o pasado que se recrea e o presente que se vive.
Así, a lectura “realista” desta obra non precisa que nos remitamos aos libros de historia. Basta con ler os xornais, ver a televisión, escoitar a radio ou estar ao tanto da actualidade a través das redes sociais. A máquina diferencial propón unha evidente anticipación das características (e os males) da sociedade da información na que os autores da novela estaban xa inmersos a comezos dos anos 90, e na que todxs nos atopamos agora mesmo. Trasladando a realidade do big data ao século XIX, os autores descúbrennos que os efectos na sociedade son semellantes aos experimentados na nosa “vida real” de finais do século XX e o presente século XXI. A concentración do poder sobre os datos nunhas poucas mans ten unha serie de consecuencias terribles sobre a liberdade individual e colectiva nas sociedades informatizadas, como ben explica a novela e como estamos a ver hoxe. Unhas consecuencias que nos levan a preguntarnos se non será a este sistema de control de datos e persoas (e non a unha simple máquina calculadora) ao que fai referencia o título da novela.
Imaxe: autoría descoñecida, da edición de S.F. Masterworks (Orion Publishing Group).