13 distopías que se estudarán nos libros de historia: Le Transperceneige

Chegamos á décima proposta desta  serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia continuando co formato de novela gráfica, se ben deixamos atrás a lingua inglesa (predominante nesta serie) para falar dunha obra escrita en francés. Unha distopía que, como varias das xa presentadas, foi publicada en volumes ao longo de varios anos: Le Transperceneige, de Jacques Lob e Jean-Marc Rochette.

En Le Transperceneige, os autores sitúannos nun futuro no que a guerra atómica deixou como consecuencia unha brutal baixada das temperaturas que afecta a todo o mundo, sumindo á humanidade nun inverno nuclear incompatible con calquera tipo de vida. As únicas persoas que conseguiron sobrevivir habitan nun longuísimo tren composto por 1.001 vagóns, que se mantén constantemente en circulación ao longo e ancho do planeta, nas vías aínda operativas. Tras varios anos en movemento, no interior do tren xérase unha microsociedade que emula á que previamente existía no exterior. Así, a xerarquía con respecto ás clases é férrea; a mobilidade social, inexistente; a xente que habita nos primeiros vagóns non coñece (nin ten interese en coñecer) a realidade das persoas que viven nos vagóns de cola (xs desafiuzadxs), e estas non poden nin imaxinar a opulencia coa que viven as persoas das clases privilexiadas que van á cabeza. Pero un cidadán do último vagón, sen nada que perder, decide emprender un camiño que o levará até a locomotora do tren, que rexe o destino de todxs xs habitantes. Alí coñecerá ao creador da máquina, un científico que serve de xeito cego ao seu invento como as clases dominantes serven ao diñeiro e o poder, sen sospeitar, como estas, que a súa devoción acrítica pode levar a toda a humanidade ao desastre.

Jacques Lob (1932/1990) e Jean-Marc Rochette (1956) tiñan xa sobrada experiencia no mundo do comic e da novela gráfica cando deron comezo á súa serie Le Transperceneige. Porén esta foi a primeira obra na que ambos os dous (Lob como escritor e Rochette como ilustrador) exploraron a loita contra a inxustiza social como motor da acción nunha obra gráfica.

A historia que os autores contan en Le Transperceneige foi levada ao cine (nunha adaptación moi libre) no ano 2013, da man do director surcoreano Bong Joon-ho, co título de Snowpiercer (nome do tren na novela orixinal). Pero a lectura audiovisual máis recente desta proposta é unha serie homónima, estreada este mesmo ano, e que, como acontece con moitas das obras propostas, está máis vixente que nunca. Tanto a novela gráfica orixinal como as adaptacións da mesma teñen como base argumental a desigualdade social e a loita de clases. Isto acontece nun contexto de escaseza provocado pola desaparición absoluta dos ecosistemas. Esta destrución medioambiental é debida á da guerra nuclear (que ben poderiamos “traducir” como o deterioro constante do noso medio por causa da contaminación e a sobreexplotación de recursos provocada pola man humana). Neste marco, a aparente inexistencia de materias primas e víveres é a excusa coa que xs habitantes dos primeiros vagóns (as clases acomodadas e poderosas) agochan a súa usura, perpetuando as inxustizas sociais e contendo ás/aos habitantes dos últimos coches, aplicando unha sorte de doutrina do shock que xs mantén inmóbiles e sometidxs. Un fiel e triste reflexo, aínda que pareza esaxerado, da realidade do sistema capitalista, que garante a abundancia dxs de arriba a costa da miseria dxs de abaixo, que explotadxs e privadxs de dereitos, liberdades e futuro, non poden senón recuperar pola forza a dignidade que outorga a conciencia do posible.

📷 Imaxe de Songwit Seakitikul.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *