“All In”: Unha Teoría Revolucionaria para Deter o Colapso Climático

“Non existe un movemento anticapitalista [] cun plan de acción compatible cos prazos límite climáticos”. Esta é a tese inicial de “All In: A Revolutionary Theory to Stop Climate Collapse”, libro escrito en 2025 por activistas de Climáximo, movemento de desobediencia civil de acción polo clima en Portugal. As persoas autoras, Mariana Rodrigues e Sinan Eden, acumulan anos de experiencia na primeira liña do activismo climático de alta intensidade. No libro falan sobre a súa desesperación pola falta de táctica e ambición no movemento ecoloxista global para gañar a batalla contra o capitalismo a tempo de evitar o inminente colapso climático.

“All In” comeza cunha reflexión sobre como non estamos a comprender a magnitude do maior reto ao que se enfronta a humanidade, a crise climática, e presentan unha hipótese inicial sobre a que se sustenta o resto do libro: para ter algunha oportunidade de manternos por debaixo dos 2 ºC de aumento da temperatura global, os países do Norte Global deben acadar o cero neto de emisións para 2030. Isto implica a destrución de capital a unha escala nunca vista antes, o desmantelamento das grandes empresas, a disrupción do comercio global… en definitiva, o fin do capitalismo.

Mais as teorías revolucionarias que xurdiron ata agora, socialistas, anarquistas, comunistas… non tiveron que ter en conta un prazo límite tan próximo no tempo. “All In” realiza unha análise destas teorías e de movementos sociais na historia para comprender que cousas funcionaron e cales non, e como provocar cambios drásticos nas sociedades.

Ao final, propoñen unha nova teoría revolucionaria baseada nun modelo de ruptura, de confrontación directa co status quo, que sexa capaz de desmantelar o capitalismo de maneira urxente e en todo o mundo. Un plan de acción que involucre a grande diversidade de grupos e movementos en distintos países, mais cun obxectivo común e unha organización efectiva. Un plan de acción que empeza agora.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *