Novo libro!! Sociedade en Venda: violencias corporativas e resistencias colectivas

Presentámosvos a publicación do novo volume das xornadas Ágora R. Sociedade en Venda: violencias corporativas e resistencias colectivas recolle as achegas das persoas que participaron como relatoras no encontro celebrado en Vigo entre o 20 e o 23 de marzo de 2024.

Na actualidade, o poder económico e político atópase cada vez máis concentrado en poucas mans. As grandes corporacións, especialmente as tecnolóxicas e enerxéticas, exercen unha influencia comparable ou incluso superior á de moitos Estados, apoiadas por un entramado xurídico favorable, a complicidade de elites gobernantes e unha cobertura mediática que adoita normalizar os seus abusos e os seus excesos. Esta dinámica global ten consecuencias directas sobre a vida das persoas e sobre a saúde do planeta, e esixe que a cidadanía tome conciencia e actúe.

O libro que agora presentamos afonda nas chaves do poder corporativo e nas posibilidades de resistencia dende a base. A través de diversas olladas explora entre outras cousas a represión da disidencia, a desinformación nos conflitos internacionais ou a necesidade de recuperar a soberanía en todos os planos (dixitais, económicas, políticas, comunicativas…). A obra non diagnostica senón que funciona tamén como unha ferramenta para quen busca comprender as engrenaxes do sistema e construír alternativas.

Sociedade en Venda ofrece un percorrido por cuestións como a alianza entre capitalismo e patriarcado, o control financeiro dos medios, o negocio da guerra ou a loita pola verdade informativa. Todo isto, dende unha mirada crítica e propositiva, coa intención de abrir fendas por onde poida filtrarse o cambio social.

Este libro está pensado para todas aquelas persoas que non se resignan perante as inxustizas e que queren contar con instrumentos para analizar e transformar a realidade. Nel atoparanse argumentos, datos e reflexións que axudan a pensar e a actuar.

Xa podes conseguir o teu exemplar a través da nosa tenda online ou nos puntos de venda habituais de distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *