“Antifascistas”, por Miquel Ramos (2022). Un libro sobre o movemento antifascista desde dentro.

Portada del libro Antifascistas, de Miquel Ramos.

O asasinato de Guillem Agulló ás mans dun grupo de neonazis en 1993 foi o catalizador para que o xornalista e analista político Miquel Ramos se especializase en movementos sociais, discursos de odio e extrema dereita. É tamén o punto de partida do seu libro “Antifascistas”, publicado en 2022.

Armado con numerosos recortes de xornal en torno a noticias de grupos de extrema dereita que foi recopilando toda a súa vida, e coa súa experiencia na loita antifascista, neste libro Miquel Ramos conta a historia do antifascismo no Estado Español desde dentro, desde os anos 80 ata a data da súa publicación.

Ramos cóntanos os diversos mecanismos polos cales o odio se fai política e chega ás rúas: a través de grupos neonazis e de extrema dereita que torturan e matan persoas en situación de rúa, persoas racializadas e persoas do movemento “antifa”, ante a inacción e mesmo complicidade de distintos gobernos e as forzas de seguridade do Estado.

O libro comeza falando da “resaca” do franquismo e do terrorismo de Estado, e dalgúns movementos posfranquistas como os nacional-revolucionarios. Tamén conta a chegada a España dos “skinheads”, primeiro un movemento e estética propia da esquerda pero apropiada pola ultradereita, e que foi clave na propagación desta ideoloxía entre os máis novos.

Continúa contando os acontecementos máis importantes na historia neonazi do Estado Español: os crimes de odio, as homenaxes a Hitler, os pogromos racistas… e fala tamén dos distintos grupos e movementos que foron aparecendo e desaparecendo, da relación do fascismo co fútbol, do caso concreto de Cataluña e da irrupción de Vox e da institucionalización do odio.

En contraposición á historia de grupos neonazis, o libro fala das distintas estratexias do movemento antifascista: “skinheads” antirracistas (SHARP), crear comunidade, movemento “okupa” e anarquista, traballo nos barrios e organización de brigadas antifascistas que confronten a ideoloxía do odio nas rúas ante a pasividade das institucións.

Miquel Ramos resalta a relación entre a loita antifascista, antirracista, feminista e “queer”, e pon de manifesto a base común e o poder unificador do antifascismo nas diversas loitas sociais e a resistencia fronte á ultradereita.

Compra: capitanswing.com/libros/antifeixistes/

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *