Os libros poden cambiar o mundo. Ao longo da historia foron moitos os escritos que marcaron un punto de inflexión, un antes e un despois no fluír do pensamento humano. Textos saídos das brillantes mentes de autorxs que souberon coma ninguén ler entre as liñas do seu tempo e non só interpretar, senón tamén explicar e facer entender (tanto ás xeracións coetáneas como ás posteriores) a súa realidade, que tantos ecos ten na nosa.
Pero máis aló da interpretación do que é, cabe destacar a esxs valentes e pioneirxs que se atreveron a debuxar con palabras (e en moitos casos, con feitos) novas realidades e mundos posibles nos que habitar. Por iso, con 13 libros que cambiaron a historia queremos recoñecer o valor de 13 obras que puxeron sobre a mesa non só as problemáticas propias da súa época, senón tamén unha serie de alternativas plantexadas co obxevtivo de facer do mundo un lugar máis xusto, máis igualitario, máis sostible.
Comezamos esta serie cunha obra que se aproxima ao labor dos movementos sociais e políticos no marco da loita polos dereitos civís, dende unha perspectiva feminista. Mulleres, raza e clase afonda no compromiso da súa autora, Angela Davis (1944), na loita pola defensa dos dereitos civís das persoas de cor, centrando o foco na invisibilidade sistemática á que son sometidas as mulleres negras e as súas reivindicacións (un aspecto común tanto á totalidade da súa obra como á súa actividade política como activista), incluso no marco de movementos sociais cun incuestionable potencial revolucionario. Neste libro, Davis realiza unha análise profunda das estratexias empregadas polas mulleres negras no marco dos movementos sociais, identificando unha das fendas estruturais dos mesmos: a desigualdade entre homes e mulleres (mesmo entre xs que loitan por unha causa común).
Mulleres, raza e clase (1981), o terceiro libro de Davis, foi publicado tras If They Come in the Morning: Voices of Resistance (1971), un relato en primeira persoa sobre a figura dx presx políticx, e a súa autobiografía, Angela Davis: An Autobiography (1974), traducida ao español como Angela Davis: Autobiografia. As obras de Davis, escritas dende a vivencia propia e cun estilo directo e honesto, son fiel reflexo do seu xeito de estar no mundo: activa, crítica, digna e coherente cos valores que defendeu toda a súa vida.
Mulleres, raza e clase é a obra dunha autora comprometida até as últimas consecuencias coa defensa dos dereitos e liberdades civís, que se atreveu a abordar a realidade silenciada da desigualdade entre homes e mulleres dentro dos mesmos movementos que loitaban pola igualdade entre todas as persoas.
Imaxe do arquivo Bettmann/Corbis