13 libros que cambiaron a historia: Primavera silenciosa

A segunda proposta da nosa serie 13 libros que cambiaron a historia marcou un punto de inflexión no xeito no que a sociedade entendía a súa relación coa natureza, espertando o interese da primeira pola segunda, sentando as bases da concienciación medioambiental e abrindo os ollos a xeracións enteiras sobre unha problemática que, hoxe, está máis presente que nunca.

Primavera silenciosa, publicado no ano 1962 pola bióloga marina e zoóloga Rachel Louise Carson, ten como tema central os terribles efectos do uso de pesticidas e outros elementos químicos no medioambiente. Considerado un dos primeiros libros divulgativos sobre impacto ambiental, Primavera Silenciosa achegou ao público, dun xeito obxectivo e rigoroso, pero tamén claro e comprensible (cargado con multitude de exemplos reais), a realidade do deterioro medioambiental causado pola produción e emprego do DDT, o pesticida químico ao que máis atención presta a autora. Carson denunciou ademáis que estes químicos velenosos acaban por acumularse na cadea alimenticia, o que implicaba terribles riscos para a saúde tanto das persoas coma doutras especies animais e vexetais, destruíndo a flora e a fauna.  

A denuncia de Rachel Carson non pasou desapercibida: ben ao contrario, cabreou a moita xente poderosa. A industria química norteamericana comezou unha terrible campaña de difamación contra a científica, e ameazou aos principais xornais e outros medios da época con retirar a inversión en publicidade en caso de que publicasen textos favorables ao traballo de Carson.

Pero o seu impacto positivo foi moito máis potente: trátase, sen dúbida,  dun referente da concienciación sobre as consecuencias da actividade humana no medioambiente. De feito, o texto de Carson está na orixe dos movementos ecoloxistas e pola conservación da natureza, pois non se trata únicamente dun traballo de investigación centrado na análise de datos: alberga importantes aportacións e argumentacións que vencellan datos empíricos do ámbito das ciencias naturais con lecturas e interpretacións críticas tradicionalmente asociadas ás ciencias sociais, ofrecendo unha visión global do fenómeno da contaminación, as súas causas e, especialmente, as súas consecuencias.

Primavera Silenciosa é unha obra que está hoxe tan vixente como no momento da súa publicación, pois lémbranos que temos, en palabras da autora, “un poder fatídico para alterar e destruír a natureza”.

📷 Imaxe de autoría descoñecida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *