Non é preciso facer un traballo de investigación demasiado exhaustivo para atopar información sobre algúns dos capítulos máis negros da historia da palabra escrita, que son, por desgraza, moitos (e algúns, moi recentes). As queimas de libros perpetradas pola Inquisición española, o réxime nazi, ou as ditaduras latinoamericanas; a prohibición, censura ou confiscación de títulos considerados perigosos por determinados movementos dogmáticos, fundamentalistas e antidemocráticos; a elaboración, por parte de poderes políticos ou eclesiásticos, de listaxes de libros prohibidos que impediron o espallamento de ideas innovadoras, racionais, humanistas, para manter á poboación no obscurantismo; a ilegalización de editoriais e medios escritos cuxos únicos delitos eran ser valentes dabondo para dicir a verdade ou apoiar causas xustas e a colectivos que vían os seus dereitos vulnerados.
Pero cada un destes tristes capítulos leva aparellado un exemplo de rebeldía: bibliotecas clandestinas que se foron construíndo de xeito comunitario e que permiten que a poboación continúe formándose e creando unha conciencia crítica; libros que son recuperados por persoas anónimas que poñen en perigo as súas vidas; editoriais que retoman o traballo de edición e publicación que aquelas outras que foron pechadas comezaran, garantindo así a difusión das ideas que alguén pretendía silenciar. Porque os libros teñen sido, dende o principio da súa historia, unha salvadora fonte de evasión, un espazo de liberdade, pero sobre todo, un símbolo de resistencia.
Hoxe é un día especial para 13 Editora. Hoxe, 5 de maio, era a data escollida para o lanzamento deste proxecto. O día no que por fin sairiamos á rúa, amosariamos as nosas primeiras obras, e presentariámonos ao mundo como un proxecto editorial independente e crítico. Un proxecto concibido como unha ferramenta de formación e información que contribúa a construír un tecido social máis analítico e proactivo.
Non era unha data ao azar, pois hoxe cúmprese o 75 aniversario da liberación do campo de concentración de Mauthausen. Un campo no que xs presxs construían unha invisible xanela de liberdade en segredo: unha pequena biblioteca composta por case 200 volumes de distintos xéneros, autorxs e temáticas recuperados, rehabilitados e custodiados polxs propixs presxs.
O actual contexto excepcional que estamos a vivir en todo o mundo obríganos a adiar a nosa saída un pouco máis. Pero en breves poderemos empezar a andar o camiño que nos permita compartir convosco obras de pensamento crítico que, a través de olladas diversas, contribuirán a construír, cada día, unha sociedade máis xusta.
Vémonos pronto!
Imaxe: autoría descoñecida.