Espazos de cultura e resistencia

A da loita pola xustiza e a procura do cambio social é unha historia cargada de capítulos de resistencia. Entre todos eles, hoxe queremos lembrar o do Centro Social Minuesa, que unha vez estivo ubicado na Ronda de Toledo, no madrileño barrio de Lavapiés.
A mediados dos anos 80 atopábase aínda nese enderezo (un solar de 2.400 metros cadrados) a imprenta Fillos de E. Minuesa, un proxecto fundado a finais do século XIX, con 140 anos de historia ás súas costas durante os que imprimiu exemplares para diversas casas editoras, universidades e entidades públicas. A especulación urbana e unha previsible decisión empresarial deixaron sen traballo aos/ás 99 traballadorxs da empresa, que resistiron até o final cun encerro no interior das instalacións. Sumouse ao encerro a Asemblea de Okupas de Madrid, coa okupación dos pisos superiores do inmoble. Tras o peche definitivo da imprenta, okúpase a totalidade da parcela, dando así lugar ao que durante anos se coñeceu como a “república de Lavapiés”, un espazo okupado e autoxestionado no que se daban cita diariamente diversas asociacións de estudantes, integrantes dos movementos antimilitaristas, okupas, antirracistas, feministas ou ecoloxistas, entre outros. Contaba cun comedor popular, horta urbana, obradoiros de diversas temáticas, concertos e eventos culturais, clases de linguas diversas, e servía como punto de encontro e coordinación para colectivos e activistas implicadxs en loitas varias.
No ano 1993, o edificio contiguo converteuse nunha comisaría de policía. Foi o principio dunha tempada de problemas constantes (nun intento de criminalizar ao movemento okupa), que culminou co desaloxo do centro, coa detención de 22 activistas e con varixs feridxs, en maio de 1994.
Foi un golpe para o movemento okupa madrileño, para os colectivos e axentes sociais, e para os centos de persoas que diariamente formaban parte da contorna do Centro Social Minuesa. Pero tamén foi unha proba máis do valor do colectivo, do enorme potencial de cambio que teñen a acción conxunta e a organización comunitaria, e da importancia do tecido social. Foi, en definitiva, unha proba máis de resistencia.
📷 Imaxe de Pedro Carrero.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *