Hoxe, 25 de xullo, aproveitamos a celebración do Día da Matria Galega para facer un pequeno alto neste camiño que comezamos a percorrer no mes de maio, e que nos leva a revisar algúns dos títulos máis significativos do xénero distópico. Ou, máis que un alto no camiño, poderiamos falar dunha proposta moito máis específica que traslada algúns dos temas máis frecuentes da novela distópica (alienación, desigualdade social, recorte de liberdades e dereitos, hipervixiancia) á realidade galega: Elipsis e outras sombras, de Xosé Luis Méndez Ferrín.
En Elipsis e outras sombras, Méndez Ferrín realiza o que se coñece como unha utopía negativa ou ucronía, pois presenta unha lectura alternativa da historia, empregando como base eventos reais, e explorando outro devir posible. Así, esta obra está composta por oito relatos (un máis que na súa edición orixinal de 1974, pois o que lle da título, Elipsis, fora eliminado pola censura franquista). Por medio deles, o autor propón un prólogo, un peche e seis historias centrais ben diferenciadas que lle serven como excusa para falar da loita de clases nun contexto, o da Galicia franquista, no que á situación política úneselle o peso da tradición cultural máis reaccionaria, aquela que está do lado dxs poderosxs. Unha loita na que os sistemas de produción están en mans dunhas poucas familias poderosas e afíns ao réxime que asoballan ao resto da cidadanía, á clase traballadora, que non está composta senón por veciñxs, antigxs compañeirxs de escola, familiares ou empregadxs. Unha sociedade na que a cercanía persoal e o trato directo entre opresorxs e oprimidxs non é nada en comparación coa enorme distancia ideolóxica e a fenda social que xs separa.
Xosé Luis Méndez Ferrín (1938) é un dxs autorxs máis relevantes da literatura galega contemporánea. Filólogo de formación, escritor e docente de profesión, o seu compromiso político estivo sempre moi presente tanto na súa vida como na súa obra, na que o nacionalismo ten un peso fundamental. Tomou parte na creación da UPG (Unión do Povo Galego) en 1964, da súa liña proletaria (UPG-lp, posteriormente o Partido Galego do Proletariado) en 1977, e da organización independentista Galiza Ceive en 1979. Actualmente é integrante da Fronte Popular Galega. No tocante á súa produción literaria, as súas aportacións á poesía, á narrativa, ou á crítica, entre outros xéneros, levárono a merecer multitude de galardóns literarios (mesmo foi proposto ao Premio Nobel de Literatura) e a presidir a Real Academia Galega por un breve periodo de tempo, o que contribuiu a visibilizar tanto a súa obra persoal como o seu pensamento galeguista, progresista e vencellado coa esquerda revolucionaria.
A través desta lectura da realidade social galega do franquismo (con moitos puntos en común coa actual, tras máis de corenta anos de democracia), Elipsis e outras sombras ofrece unha valiosa e esperanzadora lección: a resistencia nunca é en balde, pois ás veces o que parecen constantes inamovibles tornan en ciclos históricos cun claro final. É entón cando quen resiste, gaña.
Imaxe: elaboración propia.