13 distopías que se estudarán nos libros de historia: V de Vendetta

A novena obra proposta no marco desta serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia supón un cambio de formato con respecto aos títulos anteriores. Finalmente, a novela gráfica pasa a engrosar esta listaxe de grandes obras do xénero distópico. Así, hoxe queremos propoñer un título ao que o imaxinario popular de finais do século XX e comezos do XXI debe moito, tanto no estético como no temático: V de Vendetta, de Alan Moore, con ilustracións de David Lloyd. 

V de Vendetta sitúanos na Gran Bretaña dos anos 90: en concreto, duns 90 alternativos que supuñan, no momento no que se publicou a serie (anos 80), un futuro distópico non necesariamente probable, pero si, dende logo, posible. Nun contexto de destrución a nivel global a causa da guerra nuclear, o país está gobernado por un partido fascista totalitario, aos mandos dun estado dividido en cinco grandes seccións: A Cabeza (a administración), O Ollo (quen ve, as cámaras), A Orella (quen escoita), O Nariz (o grupo encargado da investigación) e O Dedo (a policía, executora). Toda unha estrutura artellada ao redor do control da poboación, e que amosa a súa faciana máis brutal nos campos de concentración nos que son encerradas as persoas que pertencen aos colectivos considerados perigosos ou inapropiados polo sistema (socialistas,  hebrexs, homosexuais, persoas non católicas, etc.). A este sistema de control e castigo súmaselle a maquinaria propagandística (que ademais de xerar contidos afíns ao réxime, controla e censura calquera manifestación artística ou cultural que considere inapropiada). Neste marco, un descoñecido cuberto por unha máscara co rostro de Guy Fawkes (líder da conspiración da pólvora) coñecido como V, pon en marcha unha cazaría para ir atrapando aos/ás principais responsables do réxime, mentres desenvolve unha loita simbólica contra o sistema por medio dunha serie de accións que comezan a xerar o caos, e que rematarán cun atentado contra o Parlamento Británico, completando así o plan posto en marcha case 400 anos antes por Fawkes.

Alan Moore (1953) é un dos maiores referentes da historia da novela gráfica. De orixe británica, comezou a debuxar dende moi novo, aínda que pronto decidiu que prefería escribir guións. En ambas as dúas facetas, a de debuxante e a de escritor e guionista, mantivo sempre unha premisa común: o carácter marcadamente crítico e valente da súa produción. Así, a obra de Moore resulta coherente co seu propio modo de vida e as súas accións a nivel persoal e profesional, pois foi un dxs primeirxs autorxs que protestou polas condicións laborais que as revistas impuñan a escritorxs e debuxantes, mobilizando a outrxs artistas e rompendo contratos con diversas editoriais ao longo da súa carreira por este motivo. De pensamento claramente anarquista, o compromiso de Moore asoma entre as súas páxinas en moitas das súas obras, e de xeito especial, en V de Vendetta. Unha obra na que o autor intentou comprender e amosar, coa axuda de David Lloyd (1950) e en palabras deste último, “por que e como se corrompe unha sociedade”. 

Debido á evidente referencialidade da propia obra, o primeiro vencello entre V de Vendetta e a realidade que nos vén á cabeza, é a xa amentada conspiración da pólvora de 1605, un complot orquestrado por un grupo de católicos ingleses que pretendían asasinar ao rei Xacobe I e aos/ás seus/súas achegadxs, representantes e principais baluartes do protestantismo en Inglaterra. Á cabeza deste fallido plan estaba Guy Fawkes, quen “cede” a súa imaxe a V ao longo da novela gráfica, e de xeito máis recente, aos/ás integrantes do colectivo Anonymous (unha reapropiación da imaxe desta icónica personaxe histórica na que probablemente tivo moito que ver a adaptación cinematográfica da novela, realizada en 2005).

Pero sen dúbida, a gran inspiración de Moore á hora de escribir as páxinas de V de Vendetta foi o goberno de Margaret Thatcher e as políticas thatcheristas que estiveron vixentes entre 1979 e 1990 (periodo no que tivo lugar a publicación dos primeiros números da novela, entre 1982 e 1985). O estado fascista e represor proposto polos autores é unha versión sen dúbida esaxerada, pero fácilmente identificable, do goberno Tory da época. A implantación dun modelo económico  ultracapitalista que destruiu o sector industrial e mineiro, deixando a miles de familias sen sustento; a destrución de vivendas e a condena ao olvido da clase traballadora en barriadas marxinais que funcionaban como guetos;  o impulso do programa nuclear; a perda de vidas en conflitos bélicos sen sentido como a Guerra das Malvinas; o racionalismo económico ou as políticas sociais conservadoras de corte duro foron o principal legado dun periodo político cuxas consecuencias están aínda presentes nun país que, para Moore “foi posto contra si mesmo” debido á política económica imposta por Thatcher. Especialmente crítico con este periodo político, Moore soubo canalizar os seus sentimientos de descontento e frustración a través dunha novela gráfica que aínda hoxe inspira a milleiros de activistas de todo o mundo.

📷 Imaxe: David Lloyd.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *