Chegamos á penúltima destas 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia cunha serie recente, concibida inicialmente como triloxía (neste 2020 foi publicada unha cuarta parte, que relata os acontecementos previos ao momento no que comeza a historia do primeiro volume). Internacionalmente coñecida grazas á súa exitosa adaptación cinematográfica, trátase dunha das poucas propostas desta listaxe pensada específicamente para un público xuvenil: Os xogos da fame, de Suzanne Collins.
Os xogos da fame trasládanos a un futuro posible no que o territorio hoxe coñecido como América do Norte é renomeado como Panem. Panem atópase administrativamente dividido nunha capital e 13 distritos. A capital (chamada Capitolio), é o centro do poder político e económico. Os distritos están numerados do 1 ao 13 en función da súa especialización produtiva dentro de Panem (e polo tanto, da súa riqueza). Así, o Distrito 1, especializado na fabricación de artículos de luxo, é o que goza de maiores comodidades, chegando á opulencia desmedida. O Distrito 13, pola súa banda, está especializado na minaría e a tecnoloxía nuclear, o que inflúe negativamente nos seus ecosistemas e na calidade de vida dxs seus/súas habitantes, extremadamente pobres. Segundo este sistema, todo distrito debe traballar para prover ao Capitolio, máximo expoñente dun sistema totalitario, inxusto e desigual. Esta situación de asoballamento extremo fixo que, anos antes dos acontecementos que se nos narran en Os xogos da Fame, tivera lugar unha rebelión dos distritos máis empobrecidos (co Distrito 13 á cabeza), o que desencadeou unha guerra interna coñecida como os Días Escuros. Como castigo polo levantamento, e cunha finalidade disuasiva, o Capitolio destruíu o Distrito 13 (ou iso foi o que declarou aos distritos restantes). Para superar estes Días Escuros, o Capitolio puxo en marcha un evento anual que se retransmite en todo o territorio de Panem, e que conta cun seguimento masivo. Trátase dunha competición na que un neno e unha nena de cada un dos distritos deben loitar cos/coas 23 participantes restantes, até que só quede unha persoa con vida. Este espectáculo televisado recibe o nome de Os xogos da fame.
Os acontecementos narrados na triloxía orixinal comezan 75 anos despois dos Días Escuros, cando Katniss Everdeen e Peeta Mellark son escollidxs por sorteo para representar ao Distrito 12 nos Xogos da fame. Dispostxs a voltar a casa con vida, poñen en marcha unha estratexia que representa un desafío para o Capitolio. Así, Katniss convértese, de xeito case accidental, no símbolo dunha nova revolución.
Suzanne Collins (1962) é unha novelista e guionista estadounidense, licenciada en Arte e Drama. Sen dúbida, Os xogos da fame é a serie que lle brindou fama internacional e puxo o seu nome na listaxe de referentes da ciencia-ficción e a distopía do século XXI. Porén, Collins xa tiña experiencia no eido das sagas infantís e xuvenís, pois é autora da serie As crónicas das terras baixas, composta por cinco volumes publicados entre 2003 e 2007. O mundo clásico e a mitoloxía grega teñen unha gran influencia na súa obra. A propia autora declarou que a principal fonte de inspiración durante o proceso creativo de Os xogos da fame foi o mito de Teseo e o Minotauro. A idea do castigo exercido sobre unha sociedade polos supostos crimes cometidos polas xeracións anteriores está perfectamente reflectida en esta serie. E, como no mito de Teseo, son as novas xeracións, xs fillxs (neste caso, de Panem), xs que deben purgar os pecados dxs antecesorxs, sacrificándose nunha loita a vida ou morte.
Cando se publicou o primeiro volume de Os xogos da fame, Collins recoñeceu esta influencia da mitoloxía grega, e relatou como foi impactada por esta historia sobre unha sociedade obrigada a rendir tributo a outra. Porén, non é a única influencia recoñecida pola autora. Sen esquecer as referencias evidentes á loita de clases (presentes en case tódas as obras revisadas), a influencia máis contemporánea é a da cultura do reality show. Collins recoñeceu que o nome do territorio no que teñen lugar os acontecementos da triloxía, Panem, provén da locución latina Panem et Circenses (Pan e Circo), perfectamente aplicable a este goberno ficticio que oculta a crúa realidade dos distritos máis pobres (e a vergoñenta realidade dxs máis ricxs) ofrecendo a todxs elxs un espectáculo tan cruel e vexatorio como entretido. Un xeito mesquiño de desviar a atención das desigualdades sociais, as inxustizas, a miseria e os conflitos, desactivando á poboación, eliminando o potencial crítico e, con el, a posibilidade da rebelión.
Imaxe: autoría descoñecida.