Manual para Campañas Non-violentas

Hoxe queremos dedicar este espazo de novas ao primeiro dos libros publicados por 13 Editora. Trátase do Manual para Campañas Non-violentas. Escrito man a man por máis de trinta especialistas en non-violencia de todo o mundo (todxs integrantes da Internacional de Resistentes á Guerra), esta obra ten como obxectivo principal a transmisión de información práctica e apropiada para desenvolver accións e campañas non-violentas en calquera tipo de contexto e situación. 

Sen pretender dar unha definición única do que é e implica a non-violencia, este manual constitúe, sen dúbida, unha fonte de inspiración para aquelas organizacións, colectivos e persoas que teñan interese en empregar a non-violencia no seu traballo como activistas, pois ofrece tanto información teórica e conceptual como un bo número de relatos e experiencias extraídas de casos e situacións reais nas que se empregou a non-violencia, a través da selección de materiais non-violentos de diferente tipo, orixe e momento.

Así, o Manual para Campañas Non-Violentas é, ante todo, un taboleiro aberto de posibilidades, opcións e propostas que cada grupo pode empregar, modificar e completar en función da súa experiencia e obxectivos. Un texto, á vez, esperanzador, cargado de boas ideas, que demostra o poder da acción directa non-violenta para cambiar as cousas.

Animámosvos a consultar toda a información dispoñible sobre o libro e xs autorxs na web. Aquí tendes, ademais, o booktrailer do título. Botádelle un ollo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *