Novo libro!! Gañar o relato! Manual para combater o discurso da ultradereita

Presentámosvos a publicación do novo libro de 13 Editora que é o primeiro libro escrito integramente por ECOAR))). Gañar o relato! Manual para combater o discurso da ultradereita é un instrumento co que poder facer fronte ao discurso da ultradereita para derrubar cada unha das verbas e razoamentos que pretenden configurar unha sociedade baseada no odio.

Na actualidade, o poder da ultradereita medra alimentado polo desánimo e, sobre todo, pola indiferenza de moitas persoas. Para consolidarse necesita convencer á maioría social de que a súa chegada é inevitable e de que os seus postulados xa forman parte do sentido común. E para logralo precisa controlar a linguaxe, os marcos e o relato. Esta dinámica ten consecuencias directas sobre a vida das persoas e esixe que a cidadanía tome conciencia e actúe.

O libro que agora presentamos parte dunha convicción sinxela e urxente: a batalla cultural non se gaña coa indignación, por moi lexítima que sexa, senón con coñecemento, análise e estratexia. Non abonda con sinalar a mentira; hai que desmontar a súa lóxica. Non abonda con defender a verdade; hai que desactivar a súa narrativa do medo. E non abonda con ter razón; hai que conquistar o sentido común en cada recanto do mundo, da vida cotiá e de cada intre. A obra non se limita a diagnosticar, senón que funciona como unha ferramenta para quen busca comprender as engrenaxes do sistema e construír alternativas.

Gañar o relato ofrece un percorrido polas claves da linguaxe, os marcos e o relato que emprega a ultradereita, así como polas estratexias para combater o seu discurso. Todo isto, dende unha mirada crítica e propositiva, coa intención de facer fronte e abrir fendas a tavés das que configurar o cambio social e cultural.

Este libro está pensado para todas aquelas persoas que non se resignan perante as inxustizas e que queren contar con instrumentos para analizar e transformar a realidade. Nel atoparanse argumentos, datos e reflexións que axudan a pensar e a actuar no cotián para confrontar á ultradereita.

Xa podes conseguir o teu exemplar a través da nosa tenda online ou nos puntos de venda habituais de distribución.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *