Para o ecuador desta listaxe de 13 Libros que cambiaron a historia queremos recomendar un texto que sen dúbida foi (e continúa a ser) un referente intelectual, pero tamén un testemuño fidedigno das loitas pola pola liberación da comunidade negra: We Want Freedom: A Life In The Black Panther Party, de Mumia Abu-Jamal.
Traducido ao castelán como Queremos libertad, trátase dunha obra na que o autor ofrece un relato das lembranzas e experiencias vividas en primeira persoa como integrante do Partido Panteras Negras, complementado cunha análise crítica e directa da historia das loitas da comunidade negra (concretamente a afroamericana) por acadar, dende a dignidade, a súa liberación, recoñecemento da identidade e respecto.
Abu-Jamal (nacido como Wesley Cook) é un activista político nado n a mediados do século XX que se implicou dende moi novo no movemento denominado nacionalismo negro, centrado na defensa e visibilización da identidade afroamericana. Integrante do Black Panther Party durante unha curta tempada (nos primeiros anos de vida do partido), en 1975 comezou a súa carreira como xornalista (sempre crítico e comprometido coas súas ideas). En 1982 foi declarado culpable do asasinato dun policía e condeado a morte, crime do que sempre se declarou inocente. En 2011 a súa condena foi conmutada por cadea perpetua. Os longos anos de estadía en prisión deron tempo a Abu-Jamal de publicar un bo número de textos nos que reflexiona sobre a identidade afroamericana, a discriminación racial, a censura ou a perda da liberdade, entre outros temas. Traducidos ao castelán atópanse En vivo desde el corredor de la muerte (1996), La fe de nuestros padres: Un examen de la vida espiritual de los africanos y afroamericanos (2003), El aula de clases y la celda: conversaciones sobre la vida negra en América (2017) ou o citado Queremos libertad (2008). O activista contou sempre co apoio da esquerda política, os grupos altermundistas e o movemento nacionalista negro.
Os feitos obxectivos e as sensacións persoais e subxectivas relatadas por Abu-Jamal neste libro compoñen un lenzo no que é posible ler a historia dun movemento de loita pola liberdade, acadada por medio da procura dun contrapoder de natureza revolucionaria, á vez que construtiva, cunha ideoloxía clara e desafiante, pero tamén capaz de propoñer e levar a cabo unha alternativa de xestión real que soubo mellorar a vida das persoas no día a día por medio do comunitarismo.
Imaxe de Associated Press.