13 libros que cambiaron a historia: Xs condenadxs da terra

Para a sexta proposta desta serie de 13 Libros que cambiaron a historia recuperamos un título esencial do anticolonialismo, entendido este nun sentido moito máis amplo que a mera independencia: Les Damnés de la terre (en español, Lxs condenadxs de la tierra), de Frantz Fanon, propón un concepto de anticolonialismo baseado no necesario proceso de autoemancipación e reivindicación identitaria dun pobo.  

Frantz Fanon, médico psiquiatra nacido na colonia francesa de Martinica, é un dxs máximos expoñentes do anticolonialismo. A súa obra, se ben non é moi extensa (debido en boa parte á súa prematura morte), tivo unha enorme repercusión e influencia nos movementos revolucionarios de mediados do século XX. Entre os seus textos destacan Peau noire, masques blancs (1952, traducido ao español como Piel negra, máscaras blancas) ou Sociologie d’une révolution (traducido como Sociología de una revolución, e publicado en 1959); Xs condenados da terra foi a súa última obra, publicada por Jean Paul Sartre pouco despois da morte do autor, en 1961.

Neste texto Fanon comeza falando da violencia (e é certo que xoga un papel importante nesta obra), que considera necesaria  só cando se trata dunha violencia “sabia e prudente”, exercida polo grupo, pois para o autor, só este tipo de violencia, entendida como unha vía de toma de conciencia por parte do pobo, pode ser efectiva contra o colonialismo e o imperialismo. Trátase, por tanto, dunha violencia estratéxica, moi enfocada e exercida cunha finalidade concreta: a liberación do pobo colonizado. A continuación, o autor explica o que acontece despois dese exercicio de violencia, cando o pobo é finalmente liberado, aclarando que o maior perigo nesta etapa é que a burguesía e outras clases poderosas poñan en perigo o futuro (potencialmente próspero) do país buscando o beneficio persoal a curto prazo, mantendo para iso os lazos cos países desenvolvidos. Fanon advirte sobre esta posibilidade, e propón a que considera a única vía posible para escapar deste perigo: a construción colaborativa dunha cultura propia que será recoñecida e reivindicada ante o resto do mundo.

Xs condenados da terra é, por todo isto, un canto á activación por parte da cidadanía, unha chamada á mobilización, á implicación da “xente corrente” nos procesos de cambio. Todo comeza coa toma de conciencia, co desenvolvemento dunha actitude crítica que permita entender que a loita polos dereitos e as liberdades non se pode deixar en mans de ninguén (nin gobernos, nin clases provilexiadas, nin estamentos poderosos) pois, en palabras do autor, “as mans máxicas non son, en definitiva, senón as mans do pobo”.

📷 Imaxe de João Carvalho (dominio público).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *