Conscientes de que este contexto de reclusión no que nos atopamos pode ser un bo momento para facer unha lectura pausada non só dunas boas páxinas, senón tamén da nosa historia como civilización, a oitava proposta da serie 13 Libros que cambiaron a historia aúna revisión crítica con excelencia literaria, como é norma na produción do seu autor: As veas abertas de América Latina, de Eduardo Galeano.
Este ensaio escrito en 1971, un clásico dende a súa publicación, podería ter sido subtitulado como “crónica dun saqueo”, pois detalla de xeito exquisito as progresivas ondadas de expolio, pillaxe e destrozo ás que foi sometida América Latina ao longo da súa historia: primeiro, polos distintos imperios coloniais existentes durante os séculos XVI e XIX, con especial mención a España; despois, polos Estados Unidos, nun proceso que aínda hoxe continúa. As veas (como se refire o propio Galeano ao texto) nace dunha mestura de realidades históricas e experiencias subxectivas; retrato de pobos diversos en cultura e tradicións, pero forzosamente homoxeneizado polo maltrato recibido (ás xentes, aos recursos, aos costumes). Froito de catro anos de intensa investigación por parte de Galeano, As veas abertas de América Latina viuse recompensado coa concesión do Premio Casa das Américas (o antigo Concurso Literario Latinoamericano).
Resulta complicado falar dun só “libro destacado” na bibliografía de Eduardo Galeano (Montevideo, 1940-2015). Xornalista, editor, escritor e, sobre todo, cidadán crítico e comprometido co seu pobo, a obra de Galeano é célebre por contar as atrocidades máis espantosas da historia latinoamericana (as esquecidas, as silenciadas polxs vencedorxs da historia) cunha prosa de lirismo evidente. As veas abertas de América Latina, posiblemente o primeiro dos moitos textos do autor que se converteron nun clásico do pensamento de esquerdas latinoamericano, foi seguido por obras tan influíntes como a triloxía Memorias do lume (1982-1986), O libro das apertas (1989), Patas arriba: escola do mundo ao revés (1988) ou Espellos: unha historia case universal (2008).
Aínda que o propio autor “renegou” del hai algúns anos (alegando que intentara escribir un libro sobre economía política sen ter realmente formación dabondo para emprender esa tarefa), As veas abertas de América Latina continúa a ser aínda hoxe, posiblemente, o seu libro máis exitoso, ademais dunha referencia bibliográfica básica para comprender o contexto sociopolítico latinoamericano.
Imaxe de Glenn (Creative Commons).