13 libros que cambiaron a historia: Os gardiáns da liberdade

No actual contexto de propagación masiva de fake news, bulos (malintencionados ou non), narrativas interesadas e desinformación impune, a novena entrega da serie 13 Libros que cambiaron a historia pretende poñer en tela de xuízo a hexemonía dos medios de comunicación de masas como transmisores únicos da verdade: Os gardiáns da liberdade, de Noam Chomsky e Edward S. Herman.

O eterno debate sobre a liberdade real dos medios de comunicación nas sociedades actuais (nas de tódos os tempos, en realidade) centra esta obra na que os autores ofrecen non só ideas, senón tamén argumentos probados que evidencian a manipulación sen escrúpulos á que os grandes medios de comunicación de masas (cada vez máis, en mans duns/dunhas poucxs), cunha falsa apariencia de pluralidade (a que outorgan os prometidos “feitos contrastados”), someten a unha cidadanía ávida de información veraz e crítica que lle permita comprender o sistema-mundo nestes tempos nos que vivimos.

Escrito en 1990, Os gardiáns da liberdade é unha das moitas obras de madurez dun prolífico autor, Chomsky (1928), que ven analizando dende hai moitos anos as consecuencias dos perniciosos discursos apegados á “verdade oficial” (a dxs poderosxs) dos que os grandes grupos de comunicación se fan eco, en detrimento da calidade informativa dos seus contidos. Reputado lingüista, activista e referente indiscutible do pensamento de esquerdas (ademais de ser un dxs máis relevantes intelectuais do século XX, e do que levamos do XXI), Chomsky tratou o tema da manipulación de xeito constante dende os seus primeiros escritos: seguiron a Os gardiáns da liberdade obras como Como nos venden a moto (1995), A Propaganda e a opinión pública (2002) ou Ilusionistas (2012), entre outros moitos. Herman (1925-2017), pola súa banda, foi un destacado analista de medios de comunicación especializado nas relacións simbióticas entre medios e grandes corporacións. Xunto a Chomsky elaborou o chamado “modelo de propaganda dos medios de comunicación de masas” que aínda hoxe se estuda nas facultades de comunicación.

Os gardiáns da liberdade supón, por tanto, o “agasallo ” destes autores para todas aquelas persoas que intúen que boa parte dos feitos que nos fan chegar os medios de comunicación non contan a verdade completa; que a pregoada obxectividade mediática non é tal; que os tentáculos do diñeiro e o poder tamén chegan ás redaccións dos medios: para elxs vai este texto que aporta argumentos para o debate e, o que é máis importante, ferramentas para protexerse da manipulación.

📷 Imaxe de Javier Armas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *