A quinta proposta desta serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia é nada menos que unha das obras precursoras do ciberpunk. Un texto merecedor do Premio Nébula, o Premio Hugo e o Premio Philip K. Dick, que a recoñece como unha das mellores novelas de ciencia ficción publicadas en EEUU: Neuromante, de William Gibson.
En Neuromante (1984), o autor preséntanos un futuro no que o intercambio de información mediante a conexión dos cerebros humanos a grandes procesadores de datos é posible, sendo a información a materia prima fundamental. Como acontece con toda materia prima, a falsificación, o roubo e a compravenda de información están, neste futuro, á orde do día. Neste contexto, Case, un cibervaqueiro encargado do traslado de información, é castigado por un crime coa inhibición da súa capacidade de conectarse á matriz central. Esta perda obrígao a subsistir cometendo pequenos delitos, até que é “reclutado” para levar a cabo unha perigosa misión.
William Gibson (1948) é, sen dúbida, un dos grandes referentes da literatura distópica. Tras unha infancia na que os cambios de residencia foron habituais debido ao traballo do seu pai, coa morte deste, Gibson e a súa nai instaláronse na pequena vila de Wytheville, en Virxinia. Segundo Gibson, tratábase dunha comunidade na que o sentimento relixioso estaba moi presente, e na que a progresiva modernización era unha realidade que espertaba certa desconfianza. Un ambiente un tanto opresivo, especialmente para un neno xa afeccionado á literatura de ciencia ficción e fan da xeración Beat. Este contraste influíu, probablemente, na súa produción literaria posterior. Considerado un dxs maiores expoñentes da literatura de ciencia ficción, o xénero debe a Gibson a creación do termo ciberespazo (concibido como esa “dimensión” virtual composta por redes informáticas). Neuromante, a súa primeira obra publicada, acadou un rotundo e inmediato éxito, tanto de crítica como de público. Unha estupenda acollida que, en termos xerais, acompañou ao autor até os nosos días. De feito, no ano 2018, Gibson recibiu o premio da Asociación de escritorxs de ciencia ficción e fantasía de Estados Unidos, que recoñece as contribucións dxs galardoadxs ao xénero ao longo da súa carreira.
Con Neuromante, Gibson foi capaz de anticipar, xa nos albores da Era da Información, as tensións derivadas da existencia das redes virtuais de contacto e control. Do mesmo xeito, foi capaz de prever e describir a súa inmensa influencia nas sociedades globalizadas tempo antes de que estas existisen como tal. Deste xeito, Neuromante confróntanos cunha realidade na que hoxe estamo inmersxs, e que en 1984 parecía algo aínda moi distante: a vida dixital. Moi afastada xa desa “segunda vida” virtual enfocada como un xogo no marco dunha comunidade on-line (Second Life), hoxe a vida dixital funciona como una extensión, como un complemento ou, no peor dos casos, como unha substituta da nosa vida real (o exemplo máis extremo desta última opción sería o dxs hikikomori de Xapón). O aumento da nosa presenza na rede trae consigo inevitablemente o debate sobre os límites da nosa privacidade e liberdade, e con el, as necesarias suspicacias ao respecto do crecente negocio da comercialización de datos. Así, o ciberespazo libertario e cheo de posibilidades imaxinado por Gibson, a suplantación virtual do mundo físico, atopa no seu proceso de “realización” ao mesmo inimigo de sempre: o capitalismo, que neste contexto soubo reinventarse para sortear as “trampas” da desmaterialización.
Imaxe: autoría descoñecida.