13 distopías que se estudarán nos libros de historia: 1984

A obra seleccionada para esta nova entrega da serie 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia é, ademais dunha das máis recoñecidas novelas do xénero distópico (e como tal, unha xoia da literatura contemporánea), un concienciudo estudio sobre a natureza dos totalitarismos. Un texto que, como tantos dos propostos nesta serie, está hoxe tan aliñado coa realidade actual que case resulta profético: 1984, de George Orwell.

1984 sitúa ao/á lector/a nun contexto político no que o control parece ser o obxectivo absoluto. O control da historia corresponde ao Ministerio da Verdade, un dos órganos (xunto ao Ministerio da Paz, o do Amor e o da Abundancia) encargados de manter a orde e garantir a fidelidade da cidadanía ao Partido Único, encabezado polo omnipresente Gran Irmán que todo o vixía. Neste ministerio traballa Winston Smith, protagonista da obra. O cometido de Smith é “retocar a historia” por medio da manipulación da documentación arquivada, para conseguir que todo acontecemento conte con rexistros que evidencien a coherencia da historia pasada co relato actual do goberno. Tras anos de manipulacións, Smith entende o seu papel dentro do Partido Único. Consciente da súa aportación na maquinaria totalitarista do partido, Smith pasa a formar parte da resistencia, algo farto difícil nunha sociedade na que a disidencia é fácilmente identificable polo goberno debido ao complexo sistema de control establecido.

O caso de Orwell é un deses nos que as experiencias dun/ha autor/a (dende o mesmo nacemento) teñen un impacto crucial no desenvolvemento da súa obra literaria. Eric Arthur Blair (nome real do autor) naceu na chamada India Británica (o territorio composto actualmente por Birmania, Bangladesh, Pakistán e a propia India, e pertencente naquel momento á coroa británica) en 1903. Sendo moi novo instalouse coa súa familia na metrópole, e comezou a súa formación nalgúns dos máis prestixiosos centros educativos do país. Sen posibilidade de realizar estudos universitarios por motivos económicos, rematado o ensino obrigatorio decidiu unirse á Policia Imperial India en Birmania, posto que mantivo durante 5 anos. Foi tempo dabondo para que o autor descubrise os horrores do imperialismo, abandoase o corpo e decidise volver a Inglaterra. Esta nefasta (aínda que clarificadora) experiencia tivo tradución na obra Os días de Birmania. Xa de volta, no contexto previo á Gran Depresión (e durante os anos seguintes), Orwell coñeceu de primeira man as penurias causadas pola pobreza e desenvolveu unha clara conciencia de clase. Tras vivir entre Londres e París durante varios anos, saltando de traballo precario en traballo precario, e con problemas de saúde, viuse na obriga de volver á casa da súa familia. Tamén esta experiencia, que o espertou ao socialismo, tivo un reflexo literario na obra Sen branca en París e Londres. Foi o seu compromiso socialista o que o levou un par de anos despois a participar na Guerra Civil española, engrosando as filas do bando republicano (en concreto, formou parte do Partido Obreiro de Unificación Marxista, un grupo minoritario que non gozaba das simpatías da URSS). O seu posicionamento foi claro tamén na Segunda Guerra Mundial, como integrante da forza Home Guard, encargada de dar apoio ao Exército Británico contra as tropas nazis. Unha postura coherente coa súa firme oposición aos totalitarismos, tema central dalgunhas das súas obras máis célebres e, en concreto, da que aquí tratamos. 

O referente máis claro á hora de buscar un paralelismo entre a sociedade imaxinada por Orwell en 1949 (ano de publicación do libro) e a realidade é sen dúbida o nazismo. Pero parece que outro dos capítulos da historia que puideron inspirar ao autor á hora de escribir 1984 foi un xuízo aparentemente manipulado que tivo lugar na URSS en 1936, e que trouxo como consecuencia o fusilamento dunha serie de integrantes do Partido Comunista de Stalin, acusadxs de participar nunha suposta conspiración trotskista internacional. Orwell identificou nese episodio tráxico algúns dos elementos definitorios do mesmo totalitarismo do que facía gala o nazismo (denuncias malintencionadas ou interesadas, confesións forzadas, eliminación da disidencia, limitacións á liberdade de expresión e acción, ou reescritura dos acontecementos para adaptalos aos intereses do réxime, entre outros), así como o ideario franquista que el mesmo combatera durante a súa estadía en España.

Porén, se ben os acontecementos relatados en 1984 contan con numerosos referentes reais previos á súa escritura, é facendo unha relectura en clave actual cando atopamos o potencial case profético da obra. 1984 afonda xa na idea dunha sociedade controlada por medio de mecanismos de adhesión obrigatoria (no caso da novela, por mandato político; na actualidade, por unha sorte de presión social que deixa fóra a quen opta por non sucumbir ao poder dos medios de comunicación de masas e das redes sociais). Mecanismos que, ademais de adormecer á cidadanía mediante o entretemento, funcionan como captadores de datos que permiten a manipulación dxs individuxs e, con elxs, das sociedades. 

📷 Imaxe: autoría descoñecida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *