O libro que presenta esta cuarta entrega da serie 13 libros que cambiaron a historia é considerado un dos textos fundacionais da teoría queer e, en boa medida, unha das bases teóricas da terceira onda do feminismo, constituíndo, por tanto, unha importantísima aportación aos estudos feministas.
O xénero en disputa, publicado en 1990, recolle e explica a teoría performativa do sexo e a sexualidade enunciada pola súa autora, Judith Butler. Nela, Butler afonda na liña de investigación seguida previamente: atendendo á súa proposta, a construción do xénero como categorías binarias (feminino/masculino) atende únicamente a limitacións de tipo cultural, identificando así os roles de xénero asociados con construtos sociais (e polo tanto, arbitrarios e modificables, non vencellados coa bioloxía).
Butler investiga neste traballo as consecuencias que ten para as persoas iso que ela chama “discurso da normalidade”, que se traduce nun rexeitamento de determinadas condutas ou identidades sexuais ou de xénero por parte de quen as podería adoptar en caso de que o devandito discurso non existise, por temor ás posibles represalias sociais.
O xénero en disputa é posiblemente un dos libros de Butler que máis repercusión acadou, se ben tamén cabe destacar outros títulos como Bodies that matter: on the discursive limits of “sex” (1993), Excitable speech: a politics of the performative (1997), Undoing gender (2004) ou Notes toward a performative theory of assembly (2015), todos eles traducidos ao español.
O que a filósofa propón nas súas obras é un proceso de desnaturalización do xénero (posible debido ao carácter cultural do mesmo) por medio da procura de novos significados que escapen á dualidade masculino-feminino, a través dunha crise de categorías que comezou por dubidar do establecido coa finalidade de dar cabida (recoñecemento e respecto) a todas as opcións existentes.
Imaxe de EFE.