13 libros que cambiaron a historia: Desobediencia Civil

Achegándonos ao final da nosa listaxe de 13 Libros que cambiaron a historia, hoxe propoñemos unha obra (a décima) referencial do pensamento crítico, un texto que axuda a entender a lexítima liberdade para poñer os principios propios por riba das normas arbitrarias impostas dende o poder como un xesto cívico, un xeito de ser cidadán/á, e non o arrebato rebelde inxustificado que moitxs detractorxs queren facer ver: Desobediencia Civil, de Henry David Thoreau.

É certo que a desobediencia civil non é unha proposta filosófica ou unha ferramenta de resistencia nacida da mente Thoreau (o seu orixe, sen dúbida, debe buscarse moito antes, tal vez en filosofías como o budismo, ou en episodios históricos como as revoltas europeas en contra do feudalismo). Pero foi Thoreau quen “compilou” as súas bases teóricas nun texto (cuxo xerme fora un ciclo de conferencias titulado Os dereitos e os deberes do individuo en relación co goberno, ao que seguiu o opúsculo Do deber da Desobediencia Civil, que finalmente tomaría a forma do texto ao que hoxe nos referimos) que acadou unha enorme repercusión, e influiu de xeito decisivo na vida e na obra de personaxes extraordinariamente relevantes como Lev Tolstói, Mahatma Gandhi ou Martin Luther King. Un texto, en resumo, que presenta a desobediencia como motor de cambio e de progreso.

E é que Thoreau experimentara coa desobediencia civil (e as súas consecuencias punitivas) en primeira persoa, xa en 1846, ao negarse a pagar os impostos reclamados polo que consideraba un goberno inmoral. Para el, ningunha razón ou argumento lexitima a obediencia cega ante un goberno corrupto, inxusto ou deshonesto, pois “o noso deber é, en primeiro lugar, ser conciencias libres e responsables, e só despois diso, ser súbditxs”. Fiel a este principio, Thoreau escribiu un elevado número de obras nas que incidiu nesta liña de pensamento. Moitas delas foron traducidas ao español, como Walden, escrita en 1854; Wild Apples: The History of the Apple Tree, escrita en 1862 (traducida como Las manzanas silvestres); ou A life without principle, escrita en 1863 (traducida como Una vida sin principios).

Nos máis de 50 textos que Thoreau escribiu ao longo da súa vida estivo presente, en maior ou menor medida, esta defensa da desobediencia como forma de resistencia ao poder; como ferramenta de resistencia que parte da decisión individual da persoa crítica, proactiva, pero que toma sentido e resulta efectiva cando se pone en marcha de xeito masivo, pois xera unión, ensina e da exemplo; e sobre todo, como forza simbólica.

📷 Imaxe de Glenn Halog.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *