13 libros que cambiaron a historia: Tratado para Radicais

A penúltima proposta desta serie de 13 Libros que cambiaron a historia pode tomar un novo sentido neste contexto actual no que o concepto de traballo comunitario está especialmente vixente (e é especialmente relevante). Hoxe resulta máis evidente que nunca, para moita xente, algo que para os sectores máis críticos e mobilizados da sociedade foi sempre unha certeza básica: que a acción con base na solidariedade, a procura do ben común, o apoio mútuo e a organización comunitaria son fundamentais para cambiar de xeito construtivo as nosas sociedades e acadar a xustiza social. Algo no que se centra de xeito especial a nosa proposta de hoxe: Tratado para radicais, de Saul Alinsky.

Tratado para radicais (1971) aglutina, de xeito profundo e pedagóxico, o coñecemento e experiencia acadados por Alinsky tras toda unha vida de estudo académico e traballo no terreo centrada na procura de novas formas de organización das comunidades, incluíndo a investigación, a formación de activistas, a xestión de grupos e a creación de redes de traballo.

Saul Alinsky foi un sociólogo, sindicalista e activista estadounidense, figura fundamental (e fundacional) da chamada organización comunitaria en EEUU, pertencente á esquerda radical. Tras desenvolver traballos como docente e investigador social no eido da socioloxía aplicada (unha faceta que estaría moi presente na súa vida, e que lle permitiría levar ao cabo unha análise profunda e certera da realidade social) comezou a súa etapa máis activa fóra dos despachos traballando en procesos de organización cidadá nos barrios máis desfavorecidos da cidade de Chicago, onde residía. O éxito e orixinalidade dun dos seus traballos, na zona de Back of the Yards, na mesma cidade, confirmou a Alinsky como un pensador social de grande notoriedade. Tras isto, participou na formación de diversas organizacións de traballo comunitario en EEUU (entre elas, a Industrial Areas Foundation, que hoxe ten presenza en todo o país). A única obra de Alinsky traducida ao español, Tratado para radicais, foi o seu último libro, escrito só un ano antes do seu falecemento. Na mesma liña de pensamento, en 1946 escribira Reveille for Radicals.

Tratado para radicais é un texto que permite coñecer o pensamento de Alinsky sobre as potencialidades do traballo conectivo entre as persoas dentro das comunidades. Unha obra de lectura interesante, lixeira na forma pero densa e profunda no contido, que ofrece un bo número de suxerencias, consellos e algúns trucos para poñer rumbo a un camiño de traballo conxunto, na alegría e o apoio que brinda a comunidade, cara a un horizonte revolucionario.

📷 Imaxe: autoría descoñecida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *