13 libros que cambiaron a historia: Informe Lugano

A décimo primeira proposta desta listaxe de 13 Libros que cambiaron a historia está hoxe tan vixente como no momento da súa publicación, pois a realidade da globalización non perdeu, ao longo destes case 20 anos, nin un ápice da súa capacidade destrutiva: Informe Lugano, de Susan George.

Informe Lugano (1999) imaxina un futuro pouco desexable (aínda que máis factible do que podería parecer nunha primeira lectura), no que un grupo de líderes pon sobre a mesa as posibles estratexias a seguir para garantir que xs ricxs e poderosxs, xs gañadorxs da globalización, podidan manter os seus privilexios e comodidades nun futuro no que a lóxica actual do capitalismo máis brutal, os seus métodos e manobras, xa non son capaces de satisfacer as inesgotables ansias de acugulación e control dxs gañadorxs do xogo do capitalismo. Así, máis aló do estremecedor que resulte o exercicio de ficción realizado por George para imaxinar este posible futuro, a premisa da que parte a autora é un feito do que xa se tiña certeza no momento de publicación do libro, e que hoxe é unha realidade indiscutible: que os mecanismos vixentes da globalización derivan nun sistema económico, social, político e medioambiental absolutamente insostible.

Socióloga, politóloga, economista, filósofa e, ante todo, activista, Susan George (1934) é unha das voces vivas máis recoñecidas e respectadas do pensamento de esquerdas a nivel mundial, e en concreto, é unha das académicas que máis afondou nas lóxicas e consecuencias da globalización. Informe Lugano (na súa versión orixinal, The Lugano Report: On Preserving Capitalism in the 21st Century) é, posiblemente, a súa obra máis icónica e citada, probablemente polo seu carácter ambicioso e atrevido, e polo feito de empregar unha narración ficticia para falar dun tema tan real. Non foi este, porén, o primeiro libro no que George realizou unha análise da realidade social e económica mundial. Antes do Informe Lugano chegaron obras como How the Other Half Dies: The Real Reasons for World Hunger (publicado en 1976, e traducido ao castelán como Cómo muere la otra mitad del mundo); A Fate Worse Than Debt (publicado en 1988, traducido como La trampa de la deuda); The Debt Boomerang (publicado en 1992, traducido como El búmeran de la deuda); ou Faith and Credit: The World Bank’s Secular Empire (publicado en 1994, traducido como La religión del crédito).

Cunha estrutura formada por un prólogo (dependendo da edición), o texto do informe propiamente dito, e un epílogo ou anexo da propia George no que aclara o carácter ficticio da obra, Informe Lugano consegue inocular nx lector/a unha inquedanza xustificada, a medida que vai avanzando na lectura dun informe de apariencia moi técnica (case científica) que presenta unha conclusión demoledora: que o único xeito de garantir o nivel de privilexio e comodidade dxs poderosxs no futuro será a redución drástica (aínda que disimulada por guerras, enfermidades, desastres naturais, etc) da poboación, sexa como sexa. E o medo chega cando nos decatamos de que, no fondo, este escenario tampouco nos parece tan improbable.

📷 Imaxe de Tyler Merbler.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *