Tras 13 semanas de propostas, chegamos ao final desta serie de 13 libros que cambiaron a historia cun texto polémico (como moitos dos xa propostos), transgresor, disruptivo, desafiante, e moi, moi divertido: Rouba este libro, de Abbie Hoffman.
Rouba este libro (1970) é unha obra poliédrica: un manual de vida; un referente xeracional; unha declaración de intencións; un manifesto vivo; unha festa comunitaria; unha celebración da liberdade; unha patada ao sistema. Ao longo das súas 368 páxinas, Hoffman, co apoio de distintos coautores, ofrece unha guía práctica para vivir en permanente desafío ao statu quo: dende chamadas ao fhurto (comezando polo propio título), pasando por instrucións para cometer fraude, técnicas de cultivo de marihuana, consellos para montar unha radio pirata ou adestramento para ocupar propiedades, Rouba este libro é un manual completo para vivir á marxe da lei.
Abbie Hoffman (1936-1989) foi unha destacada figura do movemento yippie (a rama máis politizada do movemento hippie en EEUU, organizada baixo o paraugas do Partido Internacional da Xuventude). Activista, escritor, político e axitador, Hoffman foi, xunto a Jerry Rubin, unha das caras máis visibles dun movemento que pretendía sacudir á xuventude norteamericana, rebaixando a “seriedade” e ortodoxia ideolóxica e metodolóxica dos movementos máis fieis á esquerda tradicional, e chamando á participación aos sectores menos movilizados (ou directamente despolitizados), nun contexto social convulso no que a autoexclusión da vida pública non era unha opción. Foi, ademais, un dos nomes propios dos famosos Sete de Chicago (inicialmente os Oito de Chicago), un grupo de activistas contrarios á Guerra de Vietnam acusados de instigar e provocar disturbios e protestas de carácter violento durante a Convención Nacional Demócrata de 1968 na devandita cidade. Integrante do movemento dende os anos 60, durante os 70 continuou co seu activismo como xornalista radical. A súa produción bibliográfica inclúe máis dunha decena de obras, entre as que se poden atopar, traducidas ao castelán, Yippie! Una pasada de revolución (Revolution For the Hell of It, publicada en 1968) e a propia Rouba este libro.
Referente da contracultura norteamericana, Rouba este libro é un dos textos de vangarda dunha nova xuventude, dun novo tempo, dun novo xeito de facer política e de estar no mundo. Ousado, irreverente e retador, coma xs propixs yippies, trátase dun texto que, ao igual que a realidade corrupta e carente de sentido que denuncia e pretende cambiar, non permite a indiferencia.
Imaxe: autoría descoñecida.