O legado libertario de Wilde

Poucas cousas quedan xa por dicir do xenial ensaísta, dramaturgo, poeta e novelista irlandés Oscar Wilde, autor de clásicos da literatura universal como A pantasma de Canterville, De Profundis, A importancia de chamarse Ernesto ou O retrato de Dorian Gray. Si hai, porén, unha faceta da súa vida como intelectual que resulta un tanto menos coñecida: a referida ao seu pensamento político, recollido na obra de 1891 A alma do home baixo o socialismo. Trátase dun escrito político claramente influenciado por Kropotkin, co que Wilde continúa a liña do pensamento libertario. O autor ofrece neste texto unha teoría política sobre x individux, axente ao que sitúa no centro do desenvolvemento político e social.

Fiel ao seu pensamento libertario, Wilde procurou sempre a liberación e ampliación dos horizontes da acción humana en tódos os eidos posibles, algo que queda claramente recollido na súa obra, e que o autor puxo en práctica (aínda que con algunha “tapadeira”) ao longo da súa vida, asumindo que a emancipación do suxeito implica tamén, obviamente, a liberdade sexual do mesmo.

O caso de Wilde é un dos máis coñecidos exemplos da hipocrisía da que facía gala a sociedade vitoriana de finais do século XIX. A orientación sexual do escritor e crítico literario (compatible coa súa imaxe pública como home casado e pai de dous fillos) era ben coñecida polxs contemporánexs. Estxs non só a toleraron, senón que concederon un fulgurante éxito ao autor, convertido nunha celebridade sendo aínda moi novo. Non foi até que o pai do seu amante, o marqués de Queensberry, acusou públicamente ao autor de sodomía, que a tantarulada sociedade da época censurou o comportamento de Wilde, nun proceso que rematou en xuízo.

O 27 de maio de 1895 Wilde foi xulgado e declarado culpable por un delito de “indecencia grave contra algunhas persoas” (como se denominaba naqueles tempos a homosexualidade, algo considerado “aberrante” pola sociedade da época).  Despois de dous anos de encerro e traballos forzados no cárcere (inicialmente no penal de Reading, no que sufriu penosas condicións), foi posto en liberdade o 19 de maio de 1897, hai hoxe 123 anos.

Pero a condena da sociedade non rematou coa súa saída do cárcere: convertido nun apestado do que incluso a súa familia renegaba, Wilde tivo que exiliarse a París, onde escribiu a súa última gran obra, unha dura crítica ao sistema penitenciario inglés con forma de poema titulada A balada da prisión de Reading, cuxo éxito foi tal que impulsou a reforma das condicións nas prisións victorianas.

Foi así como, xa ao final da súa vida, Oscar Wilde deixou para a posteridade un novo exemplo de como os libros poden contribuír de xeito decisivo a cambiar unha realidade chea de inxustiza e indignidade.

📷 Imaxe de Graham Mulrooney/Alamy/ACI.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *