Hoxe inauguramos unha nova serie de propostas literarias que, no marco de pensamento de 13 Editora, resultan de especial interese. A idea detrás de 13 libros que cambiaron a historia era recoñecer o importante impacto social das 13 obras propostas. Eses libros visibilizaban problemáticas propias da época na que foron escritas, ao tempo que formulaban alternativas concretas que contribuíron a avanzar no camiño por facer do mundo un lugar máis xusto, igualitario e sostible. En 13 distopías que se estudarán nos libros de historia atópase o ánimo de destacar algúns dos máis importantes expoñentes do xénero distópico de todos os tempos. Ademais do valor literario nas obras que se tratarán nesta serie destaca a habilidade dxs autorxs para “traducir” unha realidade social (presente ou pasada) en palabras, así como para amosar unha destacable capacidade de análise e anticipación á hora de expresar posibles realidades futuras que, a día de hoxe, xa forman parte do noso presente.
Esta serie de 13 distopías que se estudarán nos libros de historia comeza cunha novela que conta con varios datos sobranceiros. O primeiro, ter servido como base ao realizador Ridley Scott para realizar a súa célebre longametraxe Blade Runner (adaptación libre da novela realizada en 1982). O segundo, erixirse como unha das obras cumio da ciencia ficción norteamericana. Trátase dunha historia sobre un futuro postapocalíptico que se desenvolve nunha terra envelenada; un mundo inhabitable, no que só permanecen aquelas persoas que non teñen medios para fuxir. Nun planeta deteriorado pola contaminación e cuberto de lixo tecnolóxico, prodúcese unha aceleración da inmigración por parte das clases poderosas a planetas máis habitables. Neste contexto, unha serie de androides -axentes non vivos con capacidade para razoar- confúndense con humanos. Este é o argumento da nosa primeira proposta: Soñan os androides con ovellas eléctricas?, de Philip K. Dick (1968).
Soñan os androide s con ovellas eléctricas? foi a cuarta novela do escritor norteamericano Philip K. Dick, un dxs autorxs que maior influencia tivo no desenvolvemento do xénero da ciencia ficción na década dos 60. Nesta novela, como nas anteriores, Dick constrúe a súa historia sobre a base dalgunhas das temáticas recorrentes da súa obra: o poder e a corrupción política, os estados totalitarios, os monopolios empresariais e as súas prácticas e, sempre de fondo, a metafísica, liña que foi tomando protagonismo nas súas obras posteriores xunto á teoloxía.
O rexeitamento que a autoridade, asumida de xeito acrítico pola cidadanía, provocaba en Dick (Chicago, 1928) foi unha constante nas súas obras, e un trazo destacado da súa personalidade dende moi novo. Un claro exemplo é o feito de ter abandonado os seus estudos universitarios por negarse a seguir o curso obrigatorio do Corpo de Instrución de Oficiais de Reserva, un programa de capacitación para oficiais das Forzas Armadas que se desenvolvía en escolas e universidades estadounidenses. Simpatizante dxs poetas beat, antibelicista e cun claro pensamento de esquerdas, relacionouse estreitamente coa contracultura previa aos anos 60. Nesa mesma época, tivo algún encontrón coa autoridade (en concreto, co FBI), se ben isto non impediu que seguise plasmando as súas preocupacións e propostas sobre o mundo nos seus textos.
Esa persoal visión do mundo sobre a que Dick construíu esta historia está hoxe, malia os anos que pasaron dende a súa publicación, tan vixente coma entón. Unha historia de androides que finxen ser persoas, e persoas que parecen máquinas sen alma. Atopamos un claro espello, pois, na nosa actualidade. Vivimos nun momento no que a intelixencia artificial é xa unha realidade, e as máquinas están substituíndo ás persoas en multitude de campos; no que xa hai persoas que prefiren unha mascota electrónica a un animal real; no que admiramos a “celebridades” que non existen realmente (imaxes creadas con voces sintéticas); no que xs asistentes virtuais son unha parte fundamental da nosa vida. Un contexto de inmobilismo social, dominado polas transnacionais que cada vez teñen máis poder, e gobernado por unha clase política corrupta e, moitas veces, autoritaria, tal como se describiu na novela en 1968, e nosos xornais hoxe.
O progresivo deterioro dos límites entre o artificial e o natural, o orgánico e o tecnolóxico; a perda da identidade como especie; a omnipresenza da tecnoloxía como garante da nosa comodidade actual; ou o progreso tecnolóxico como solución sobre a que depositamos as nosas esperanzas son temas tratados en profundidade na novela, pero tamén son realidades coas que convivimos hoxe. Realidades que é preciso cambiar, máis pronto que tarde, para evitar un desenlace que nos coloque na situación de partida da novela.
Imaxe: autoría descoñecida.