13 distopías que se estudarán nos libros de historia: O nome do mundo é bosque

A segunda proposta da serie 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia é unha obra de fondo claramente ecoloxista e anticolonial. Son moitos os temas que se tratan nas súas páxinas, e moitas as liñas de pensamento que as inflúen, se ben o argumento poderíase resumir como a eterna loita entre unha ficticia civilización colonizada (pacífica e respectuosa coa natureza), e outra, a humana, anhelosa de poder e riqueza (asoballante, disposta a arrasar con culturas e recursos): O nome do mundo é bosque, de Ursula K. Le Guin.

O nome do mundo é bosque foi publicada en 1976, e está baseada no conto homónimo escrito por Le Guin en 1972. Forma parte do chamado Ciclo de Hainish (tamén coñecido como Ekumen, nome co que a autora se refire nos seus libros á federación galáctica de planetas habitados polos seres humanos). Nesta serie (non recoñecida como tal pola autora, se ben todas as obras integradas teñen elementos en común), Le Guin crea un amplo e complexo universo conceptual. Este ten a súa correspondente tradución no universo material que a autora describe. A diversidade de mundos, comunidades, orixes e variacións xenéticas cos que Le Guin xoga nas súas obras permítenlle explorar, dende a antropoloxía, a socioloxía ou a ética, distintas alternativas no tocante a potenciais formas de organización humanas. Ao tempo, a autora aproveita para facer serias e profundas advertencias sobre posibles derivas vencelladas coa violencia, a devastación medioambiental e o sometemento das sociedades.

Licenciada en Literatura, Ursula Le Guin (1929-2018) estivo influída dende moi nova polo feminismo, o taoísmo e o pensamento libertario. A autora, filla do antropólogo Alfred Louis Kroeber e da psicóloga Theodora Kroeber, creceu nun ambiente progresista e moi culto, e tivo unha educación excepcional (foi compañeira de estudos de Philip K. Dick, se ben non chegaron a coñecerse). O descubrimento da antropoloxía cultural (campo no que o seu pai é un referente) tivo un inmenso impacto tanto na vida como na obra de Le Guin: non é casualidade que boa parte dxs protagonistas dos seus textos sexan antropólogxs. Estxs encarnan nas súas historias valores como a dignidade, o respecto ao/á outrx, a defensa da cultura e a loita pola preservación da diversidade. 

Nas obras de Le Guin, os acontecementos orbitan sempre ao redor dos temas de interese da autora, como evidente influencia das súas propias ideas. Porén, entre eles destaca a inclinación á non-violencia, presente nalgunhas das sociedades que a autora describe. Por medio das súas personaxes, Le Guin vencella de xeito especialmente evidente a non-violencia cos movementos anticoloniais. Así, en O nome do mundo é bosque, Le Guin incide na súa minuciosa análise da sociedade humana, poñéndoa baixo a súa lupa, crítica e comprometida, e amosando os estragos causados por un xeito de estar no mundo belixerante, avaro e ruín,  que non ten xustificación agás o medo ao descoñecido. 

Escrito durante os últimos anos da guerra de Vietnam, o relato orixinal no que se basea a novela presenta a persoal visión da autora sobre o conflito (a propia Le Guin referiuse á obra dicindo “Este é o meu Vietnam”). Trátase, pois, dunha lectura crítica que coincide coas multitudinarias protestas antibelicistas que tiveron lugar nos Estados Unidos entre 1963 e 1975, nun contexto marcado, ademais, pola loita a favor dos dereitos civís, o movemento yippie, as mobilizacións da Campaña polo Desarme Nuclear ou a contracultura, que tanta influencia terían nos anos posteriores.

📷 Imaxe: autoría descoñecida.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *