Pouco queda xa por dicir sobre a cuarta proposta desta serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia, un clásico entre os clásicos do xénero distópico. Trátase dunha obra que xira ao redor dunha idea mantida por moitas autoridades ao longo da historia: que os libros son perigosos pois, como ferramenta que permite espallar a conciencia crítica, poden motivar o pensamento libre, e con el, o desacordo e a oposición. O título é de sobra coñecido: Fahrenheit 451, de Ray Bradbury.
O título da novela, como é ben sabido, fai referencia á temperatura á que arde o papel (451 graos Fahrenheit, equivalentes a aproximadamente 232 graos Celsius). Fahrenheit 451 narra a historia de Guy Montag, un bombeiro especializado na queima de libros no que, un día, comeza a emerxer unha certa dúbida sobre a natureza do seu traballo, os efectos que ten na súa propia felicidade e as repercusións éticas do mesmo. Nun contexto no que os libros están prohibidos polo propio goberno, Montag, logo dunha fonda reflexión, decide unirse a un grupo de resistentes que traballa para manter vivo o contido dos textos destruídos, mediante a memorización e a posterior transmisión oral dos mesmos (converténdose, así, en “libros humanos”).
Fahrenheit 451 non é a única obra literaria na que se dá conta do profundo medo que a cultura en xeral (e os libros en particular) espertan nos réximes autoritarios. Porén, a institucionalización do odio ao libro que Bradbury relata a través da creación dese corpo de bombeirxs especializado na queima de exemplares é un dos elementos destacables que identifica esta obra como ficción distópica.
Ray Bradbury (1920-2012) comezou a escribir sendo moi novo. De formación autodidacta, ao longo da súa dilatada e produtiva carreira escribiu novelas, contos, relatos, poesía, guións cinematográficos e mesmo obras de non ficción. Se ben os seus escritos responden a temáticas diversas, a obra de Bradbury está sempre cuberta por unha mesma pátina que a dota de certa coherencia: a da anguria, de carácter tanto social como metafísica, que o autor asociaba ao signo dos seus tempos. Uns tempos que, para o autor, caracterizábanse polo individualismo extremo; pola perda de contacto coa tradición (no sentido máis cultural do termo); e pola hiperautomatización. A sociedade distópica creada en Fahrenheit 451, na que o acervo cultural desaparece e o libro é o inimigo recoñecido, é o mellor reflexo dos medos do autor.
O antecedente histórico máis obvio da obra de Bradbury no tocante á queima de libros é o da Alemaña nazi, baixo as ordes do Partido Nacionalsocialista Obreiro Alemán. Estas queimas tiveron lugar, especialmente, ao longo do ano 1933. Durante varios meses, milleiros de libros de autorxs consideradxs “perigosxs” (marxistas, anarquistas, xudeus/xudías, pacifistas, ou simplemente contrarixs ao réxime) foron incinerados nas prazas públicas, co beneplácito (e en ocasións, a colaboración) de parte da cidadanía, deixando para a posteridade imaxes devastadoras que rexistraron estes actos de xenocidio cultural.
Así pois as queimas masivas de libros (e outros ataques ao eido editorial e á produción literaria) son unha das ferramentas máis empregadas polos sistemas totalitarios, os réximes represivos, os movementos antidemocráticos e o fanatismo ideolóxico en xeral. Dende a queima de textos académicos posta en marcha polo rei Qin Shi Huang na China do século 3 a.C. até as queimas realizadas polo Estado Islámico case nos nosos días, pasando pola queima de Bib-Rambla en Granada por parte do Cardeal Cisneros, as postas en marcha polo franquismo durante a Guerra Civil española, ou as que seguiron ao golpe de estado de Pinochet en Chile ou á Revolución do 43 en Arxentina. Todos estes terribles capítulos da nosa historia dan conta de até que punto o libro é un instrumento de formación, toma de conciencia e activación (polo tanto, de liberación) para quen o le. E é por iso que os totalitarismos ven nel a un dos seus maiores inimigos.
Imaxe de Matt Owen.