13 distopías que se estudarán nos libros de historia: O conto da criada

A terceira proposta da serie 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia trátase dunha obra que, dende hai varios anos, está en boca de todo o mundo, debido á súa exitosa adaptación ao formato audiovisual. Pero antes de ser unha ficción televisiva aclamada por crítica e público, a historia á que hoxe facemos referencia (que tamén foi adaptada a cine e teatro) xa remexía conciencias debido á súa crúa e certeira descrición dun futuro tan terrorífico como factible: O conto da criada, de Margaret Atwood.

O conto da criada, obra publicada en 1985, narra o proceso de captura, sometemento, toma de consciencia e loita organizada dun pobo, a través da experiencia (individual primeiro, colectiva máis adiante) da súa protagonista. O conto da criada localiza a súa acción nun presente alternativo no que non hai nacementos, e nun país ficticio, a República de Gilead, fundado tras un golpe de estado que dividiu o actual territorio de EEUU en zonas afíns ao novo réxime, zonas rebeldes e colonias (espazos contaminados pola radiación aos que son enviadas as mulleres que o réxime non considera como tal: LGTBIQ+, feministas, estériles ou activistas). Nun exercicio de interpretación da Biblia en clave heteropatriarcal (a lectura dun texto sagrado cun filtro machista, homofóbico e fanático non é algo que resulte estraño nos nosos días), o goberno de Gilead instaura un sistema de dominación de corte totalitario e ultraconservador. As mulleres, clasificadas segundo un sistema de castas, son as principais vítimas. A loita até as últimas consecuencias pola liberdade individual e colectiva; a capacidade de resistencia; o amor (no sentido non romántico do termo); a solidariedade entre pobos; e, sobre todo, a sororidade, son as ferramentas das que dispón a protagonista desta historia para poñer contra as cordas a un réxime que parece ter todo do seu lado para saír vitorioso.  

Licenciada en Filoloxía, con especialidade en Inglés, Francés e Filosofía, Margaret Atwood define a súa obra literaria (composta por novela, ensaio, poesía e relatos breves) como feminista, pois explora tanto a explotación do corpo da muller na contemporaneidade como a opresión social e económica á que esta é sometida. É algo que non sorprende en absoluto, tendo en conta o fío condutor da obra que hoxe analizamos. Porén, os seus textos amosan de xeito recorrente outras preocupacións da autora con respecto ao devir social do seu (do noso) tempo: a defensa dos Dereitos Humanos; as relacións político-económicas entre Canadá (o seu país de orixe) e os EEUU (país no que viviu parte da súa vida), sendo este outro aspecto que queda claramente reflectido en O conto da criada; a devastación medioambiental, nun marco conceptual no que a natureza e o feminino están moi vencellados; ou a identidade dos pobos (en concreto do canadense). 

Son moitos os espellos nos que a realidade (pasada, presente, e posiblemente futura) vese reflectida entre as páxinas de’ O conto da criada, e moitas as lecturas e as interpretacións que se poden facer desta obra, vencellando realidade e ficción. Escrita e publicada durante o mandato de Ronald Reagan en EEUU, o texto ten un fondo de velada sátira do ideal americano propugnado polo dirixente, combinación dun (suposto) progreso económico para a América branca de clase media e o retorno aos valores familiares tradicionais. Tamén hai aspectos asociados a un referente ideolóxico moi distinto, o da Alemaña nazi: dende os campos de exterminio aos que levan ás mulleres “inservibles” para que traballen até a morte, até a violación masiva para dar fillxs ao réxime. Tamén podemos atopar entre as personaxes da obra actitudes que responden a certos arquetipos ou, dun xeito máis concreto, a perfís sociais ou políticos facilmente identificables (o caso máis claro é o da poderosa muller de ultradereita que colabora activamente cun réxime que a discrimina, renegando do feminismo e contribuíndo ao sometemento das súas compañeiras, como fixeron no seu momento Phyllis Schlafly, Sarah Palin ou, máis preto de nós, Pilar Primo de Rivera). 

Pero sobre todo, O conto da criada lémbranos como as crises económicas ou de recursos acostuman a levantar a gobernos de corte ditatorial, misóxinos e racistas, entre o silencio xeral dunha cidadanía que cala ante a eliminación dos primeiros dereitos (“mentres non me toque a min”), e que tende a espertar cando o novo réxime é xa unha realidade asentada. Pero, como ben demostra Atwood na súa novela, máis vale tarde que nunca…

📷 Imaxe de Holly Stapleton.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *