A espera chega á súa fin… conta atrás para o lanzamento de 13 Editora!

Hai algo máis dun mes publicamos un post no que prometemos que o esperado lanzamento de 13 Editora estaba xa moi próximo. Hoxe podemos dicir, por fin, que a espera rematou, e que a saída deste proxecto ten unha data concreta.

O vindeiro xoves 10 de decembro, ás 20:00h., terá lugar o lanzamento virtual de 13 Editora de xeito simultáneo nas nosas redes sociais, webs e canle de YouTube. As fortes restricións pola COVID-19 non permitirán (de momento) levar adiante a xornada de exposición e debate presencial que tiñamos prevista. Pero iso non vai impedir que, no Día dos Dereitos Humanos, presentemos ante vós este proxecto co que pretendemos contribuír ao desenvolvemento do pensamento crítico, independente e emancipador da cidadanía. 

Durante os últimos meses, a palabra foi a ferramenta primordial que empregamos para comunicar as últimas novidades da editora, propor algunhas desas lecturas que axudan a comprender o sistema-mundo, celebrar convosco datas relevantes ou revisar a biografía de autorxs destacadxs e dignxs de recoñecemento, tanto polas súas verbas como polos seus actos. Para este lanzamento, porén, imos deixar que outra linguaxe, a audiovisual, tome protagonismo, para que as imaxes e os sons acompañen ás palabras.

O 10 de decembro, asomádevos polo ollo da fechadura!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *