Unha semana máis, queremos dedicar este espazo de novas a presentar un dos títulos publicados por 13 Editora o pasado 10 de decembro. Tócalle agora a quenda a As múltiples caras de Anonymous, de Gabriella Coleman.
Parece difícil atopar hoxe a alguén a quen non lle veña á cabeza unha imaxe máis ou menos clara cando se fala de Anonymous, ou que non identifique este nome cun grupo de enmascaradxs, hackers, axitadorxs ou antisistema. Pero, que é realmente Anonymous? Como naceu? Quen está detrás? Como se organiza? Cales son os seus obxectivos? É un grupo cohesionado? Unha morea de preguntas que Gabriella Coleman, antropóloga e especialista en activismo online e cultura hacker, responde nas páxinas desta obra.
As múltiples caras de Anonymous é un profundo e completo traballo de investigación, case detectivesco, que a súa autora elaborou ao longo de catro anos. Catro anos nos que Coleman pasou de ser un elemento alleo a este universo a mergullarse de pleno nas escuras augas da deep web, nun proceso que lle permitiu entender a orixe do movemento, a súa natureza, os seus obxectivos (sempre diversos) e, fundamentalmente, os seus códigos.
Tendes toda a información sobre este libro e a súa autora na web. Deixámosvos co booktrailer do título. Non o perdades!