O relato trala imprenta

Tal día como hoxe hai 553 anos tivo lugar, en Maguncia, o falecemento de Johannes Gutenberg, o ourive que pasou á historia como o inventor da moderna imprenta de tipos móbiles (un invento, sen dúbida, fundamental para a divulgación do coñecemento). Este feito propiciou que, cinco séculos despois, o número de escritorxs, lectorxs, editoras, bibliotecarixs, libreirxs e amantes da cultura e do saber en xeral aparentemente “en débeda” con Gutenberg se conte por miles de millóns. 

Porén, a de Gutenberg é unha figura controvertida, pois non son poucas as voces que, dende hai moito tempo, acúsano de apropiación. Entre elas están a do médico e humanista belga Hadrianus Junius, e a do escritor holandés Petrus Scriverius. Ambos os dous cronistas recoñecen a Laurens Janszoon Coster como o inventor lexítimo da imprenta. Tres décadas maior que Gutenberg, e cunha dilatada carreira como fabricante de velas, Coster comezou a experimentar co talle de tipos en madeira, para pasar despois a traballar con chumbo e latón. Segundo algunhas voces, foi Johan Fust, un dos seus colaboradores, quen, cando o traballo nesta nova imprenta estaba xa avanzado, roubou guías, prototipos e materiais do obradoiro de traballo de Coster para despois asociarse con Gutenberg, quen puliu e perfeccionou o método que o faría famoso. 

Pero non é o único caso: aínda que con menor credibilidade, outra das historias máis contadas sobre a invención da imprenta é a que atribúe a mesma ao impresor italiano Panfilo Castaldi. Segundo esta versión, Castaldi (contemporáneo de Gutenberg e Coster) coñeceu a través de Marco Polo a técnica de impresión en bloques de madeira empregada en China. Con este coñecemento como base, Castaldi comezou a experimentar con tipos móbiles realizados en cristal artesán, que posteriormente incrustaba en moldes de madeira. 

Sexa certa ou falsa esta última versión da historia, conta cun importante punto a favor: é a única que recoñece a orixe real da primera imprenta do mundo, China. Recoñecendo este feito recoñece tamén a influencia dunha técnica nada 600 anos antes dos primeiros intentos de Gutenberg, Coster e tantos outros varóns occidentais que, ao longo da historia, competiron (no seu nome ou en nome doutrxs) polo título de “inventor da imprenta”. Un feito que a miúdo esquecemos cando, cunha visión etnocéntrica da historia, construímos o noso relato co foco posto nos logros acadados en Occidente, invisibilizando e facendo de menos a nosa débeda con culturas e sociedades de todo o mundo.

📷 Imaxe: Sutra do Diamante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *