Non podiamos avanzar moito nesta serie de 13 libros que cambiaron a historia sen facer mención a un clásico contemporáneo que, 20 anos e moitas edicións (e traducións!) despois da súa publicación, continúa a ser un texto de referencia para varias xeracións. Unha obra que marcou un punto de inflexión na nosa visión do mercado, das marcas e dos efectos que o marketing, o branding e a publicidade teñen sobre o noso xeito de consumir (e por extensión sobre o noso estilo de vida e o modo no que nos relacionamos co planeta e xs seus/súas habitantes), e que chegou no momento preciso para servir como base teórica -pero sobre todo, como argumentario- a miles de activistas.
No Logo (Naomi Klein, 2000) ofrece, ao longo das súas máis de 500 páxinas, una profunda e minuciosamente documentada análise da evolución do papel que as multinacionais e das marcas xogan nas nosas vidas, amosando como, paulatinamente, tanto a esfera pública como a esfera privada das persoas vai sendo, cada vez máis, ocupada e dominada por estes axentes. Dende os cambios de paisaxe (e de xentes) sufridos polo barrio canadense onde se criou a autora como consecuencia da proliferación de grandes superficies e establecementos pertencentes a cadeas, até as terribles consecuencias que a globalización ten nos territorios saqueados que posibilitan, coas súas materias primas e man de obra explotada, que Occidente teña acceso a esa amplísima gama de productos e servizos que a publicidade converte en necesidades (pasando pola perda de dereitos básicos de boa parte da cidadanía, o empeoramento das condicións laborais, a degradación do medioambiente e a perda de biodiversidade, entre outras moitas) Klein ofrece en No Logo un catálogo dos horrores patrocinado polas grandes marcas e as multinacionais que se atopan tras elas, pero tamén una alternativa para saír desta maquinaria deshumanizadora de producción e consumo que promove a globalización.
Con este texto a súa autora, xornalista de profesión e activista, converteuse nun referente internacional do movemento antiglobalización, ademais de nunha prolífica escritora e divulgadora: No Logo foi seguido por Fences and Windows (2002), The Shock Doctrine: The Rise of Disaster Capitalism (2007), This Changes Everything: Capitalism vs. the Climate (2014) e Resisting Trump’s Shock Politics and Winning the World We Need (2017), todos eles traducidos ao castelán.
Así, No Logo foi o primeiro dunha serie de libros cos que Naomi Klein, cun estilo directo e comprensible, pero tremendamente incisivo, ofrece unha interpretación crítica da realidade que estamos a vivir sen renunciar á esperanza, propoñendo alternativas de mellora, e demostrando que aínda estamos a tempo de cambiar as cousas.
Imaxe de Dang Ngo / Rainforest Action Network.