Chega a oitava proposta desta serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia, unha obra publicada inicialmente por entregas a comezos dos anos 50 na revista Galaxy Science Fiction. No marco desta serie, conta con dúas peculiaridades que a diferencian das anteriores recomendacións, pois é a primeira escrita a dúas mans, e a primeira na que a crítica ao sistema económico destaca sobre a crítica ao sistema político: Mercaderes do espazo, de Frederik Pohl e Cyril M. Kornbluth.
Mercaderes do espazo presenta unha sociedade futurista na que o poder político está absolutamente supeditado ao poder económico; na que os intereses das grandes corporacións son lei; e na que os grandes señores do comercio teñen a capacidade de vixiar e someter ao resto da poboación a través do consumo. Trátase dun sistema absolutamente estratificado e desigual no que as posibilidades de supervivencia e benestar dependen do papel que cada quen teña nesta engranaxe hipercapitalista: consumidor/a, produtor/a, vendedor/a, executivx, etc. Nunha sociedade na que a lei do mercado impera, o protagonista destas aventuras literarias non podía ser outro que un afamado publicista, no máis alto da pirámide social social ao comezo da historia. Pero, tras coñecer unha realidade que dista moito da prácida comodidade da que goza dende a súa privilexiada posición, é degradado até o máis baixo desta cadea, o que o obriga a emprender unha viaxe vital que o confrontará coas crenzas que mantivo durante toda a sua vida. Durante este proceso entrará en contacto cunha facción da sociedade considerada pola maioría como perigosa, violenta e marxinal: xs consistas (anticonsumistas), que o axudarán a abrir os ollos á realidade da súa sociedade e actuar.
Cyril M. Kornbluth (1923-1958) e Frederik Pohl (1919-2013) estiveron dende moi novos unidos pola súa profunda afección á literatura fantástica, ás publicacións pulp e á edición underground. Pero tamén a súa visión crítica da crecente sociedade de consumo da América dos anos 40 uniu a estes dous autores no colectivo de ciencia ficción Futurians, do que tamén formaron parte outros grandes nomes das letras como Isaac Asimov ou Donald A. Wollheim. De feito, a obra de Pohl, máis extensa que a de Kornbluth (debido á prematura morte do segundo) estivo sempre fondamente marcada polo seu pensamento comunista, antirracista e antifascista, pola súa experiencia sindicalista e pola súa breve pertenza ás Xuventudes Comunistas.
Son moitos os estudos e artigos que aínda hoxe destacan a capacidade de Kornbluth e Pohl para predecir, a comezos dos anos 50, o poder que o mercado chegaría a acadar nas sociedades capitalistas occidentais, e até que punto a vida individual e colectiva, os proxectos vitais, o ocio ou as relacións humanas virían condicionadas polo noso papel como produtorxs ou consumidorxs dentro do sistema só uns anos despois, nun proceso que non parece chegar á súa fin. A eliminación das fronteiras políticas (para os capitais) e das identidades culturais (para as sociedades) descritas polos autores anticípase ao galopante fenómeno da globalización, nacido non moito despois da publicación do texto, intensificado a finais do século XX e aínda en proceso de expansión hoxe. A progresiva privatización dos servizos básicos que deberían ser garantidos a todo ser humano lévanos, pouco a pouco, a un horizonte similar ao presentado no libro. Os estragos do capitalismo máis atroz no medioambiente (a degradación dos ecosistemas, a explotación dos recursos) e nas persoas (unha desigualdade social que permite que convivan as tecnoloxías máis avanzadas coa carencia de bens básicos; a opulencia coa desnutrición; o despilfarro coa miseria) son xa perfectamente perceptibles e indiscutibles dende hai moitas décadas. E tamén no mundo imaxinado por Kornbluth e Pohl as persoas sensatas, críticas e comprometidas son perseguidas polo sistema. Xs consistas, representantes nestas páxinas dos movementos ecoloxistas, anticapitalistas, decrecentistas e antiglobalización, son tachadxs de terroristas, vistxs como un perigo público, perseguidxs e eliminadxs. Pero, tanto na ficción como na realidade, a resistencia non cede nin cesa.