Chegamos ao ecuador desta nova serie de 13 Distopías que se estudarán nos libros de historia cunha obra imprescindible da novela distópica (aínda que o seu título pareza suxerir que non ten cabida nesta serie de indesexables utopías corrompidas). Unha obra que soubo presentar como poucas, e dun xeito tremendamente gráfico, as nefastas consecuencias da alienación social: Un mundo feliz, de Aldous Huxley.
Un mundo feliz propón unha sociedade (o Estado Mundial) na que as guerras, a fame ou a enfermidade están erradicadas, así como as artes, a ciencia, a filosofía, a relixión ou a familia. Unha realidade na que os seres humanos son creados mediante enxeñaría xenética, e dotados por esta vía das características e potencialidades necesarias para desenvolver o rol que lles é asignado. Un rol predeterminado que depende da súa posición nun complexo e inamovíbel sistema de castas (Alfa, Beta, Gamma, Delta e máis Epsilon), no que a familia é substituída por unha sorte de cadea de montaxe. O libre albedrío é algo completamente descoñecido neste contexto; non só porque a estrutura social faga imposible exercelo, senón porque, en realidade, ninguén sinte a necesidade de facer algo por cambiar as cousas. Isto, a pesar da constante vulneración de dereitos á que é sometida a xente, e da privación de liberdade e dignidade que este sistema supón. O motivo non é outro que o condicionamento e o constante “lavado de cerebro” ao que as persoas son sometidas dende pequenas para aceptar de bo grado o seu papel no sistema. A ignorancia sobre a dominación que é exercida sobre elas é o que fai que as persoas se manteñan vivas e entregadas a ese “mundo feliz”.
Aldous Huxley (1894-1963) naceu no seo dunha familia de recoñecidxs científicxs e intelectuais, e formouse nalgunhas das institucións académicas máis prestixiosas do seu país natal (Reino Unido), cuestións que marcaron de xeito notable o seu desenvolvemento literario. Se ben procedía dunha familia acomodada, Huxley foi moi crítico coa burguesía británica dende as súas primeiras obras, e rexeitou a través delas as tradicións e costumes dunha clase social coa que convivira de xeito moi directo nos seus anos de estudante. Isto da unha idea do carácter crítico, independente e pouco acomodaticio de Huxley (características que estarían moi presentes toda a súa vida). Esta necesidade de vivir de xeito acorde coas súas ideas levouno a tecer sempre os seus relatos ao redor de nós condutores que resultasen coherentes co seu pensamento e intereses nos distintos momentos da súa vida. Así, Un mundo feliz é unha clara crítica ao funcionalismo extremo e ao modelo de produción implantado por Henry Ford, que sen dúbida supuxo unha revolución nos EEUU dos anos 30.
Huxley imaxinou cal sería o resultado da aplicación do modelo fordista de produción (traballo en cadea, hiperespecialización e repetición) na construción dunha sociedade, e esta é sen dúbida a crítica máis evidente que encerra Un mundo feliz. Pero esta non é a única realidade reflectida polo autor na súa obra. Huxley viviu os últimos anos dunha India sometida económica e territorialmente á Coroa Británica. Como cidadán británico crítico co imperialismo, non podía ignorar o papel que o seu país tivera no fomento e consolidación do sistema de castas, que tan ben se reflicte na súa obra. Pero sobre todo, Huxley centra a súa crítica na asunción voluntaria da opresión derivada da alienación da sociedade. Unha inacción que, no caso da novela, se debe ao emprego de drogas e mecanismos de manipulación mental por parte do poder. Na vida real, porén, non é senón a resposta dunha sociedade sometida ante a promesa capitalista do cumprimento das aspiracións materialistas en ausencia dunha conciencia de clase.
Imaxe: autoría descoñecida.