O pasado mes de decembro o lanzamento de 13 Editora a través das nosas webs e redes sociais serviu como oportunidade para presentarvos os títulos que a editora leva publicado até o de agora. Naquela ocasión, falámosvos do primeiro título editado, o Manual para Campañas Non-Violentas, unha obra escrita no ano 2010 pola Internacional de Resistentes á Guerra co obxectivo de achegar á cidadanía información tanto teórica como práctica sobre o exercicio da non-violencia activa como forma de loita. Tamén achegamos información sobre As Múltiples Caras de Anonymous, de Gabriella Coleman; unha obra que explica con claridade e dinamismo a historia, ética e actuación deste colectivo.
Hoxe, pasados dous meses dende ese lanzamento, e á espera de poder organizar por fin un evento presencial, queremos falar doutra importante pata dentro do proceso de traballo de 13 Editora: os fanzines. Cada lanzamento editorial de 13 Editora vai acompañado pola publicación dun fanzine de produción propia (texto e imaxe), sempre centrado nunha temática que consideramos relevante para o contexto actual. Estes fanzines pretenden servir como complemento aos libros editados dende o proxecto, cun carácter máis gráfico, lúdico e conceptual.
Un complemento coherente coa misión de 13 Editora: desenvolver materiais de diversa índole que garantan a conformación de persoas autónomas, críticas e proactivas. Consideramos que a edición destas breves obras contribúe á creación dun mundo máis xusto e proactivo onde se respecten o planeta e os dereitos de todxs xs que nel habitan.
O primeiro fanzine elaborado pola editora, do que hoxe vos queremos falar, pretende funcionar como unha introdución ao propio proxecto, os aspectos que levaron á súa posta en marcha e os obxectivos e metas do mesmo. Cunha introdución que recolle de xeito breve e clarificador a historia, natureza e vontade de 13 Editora, a base principal deste traballo son unhas imaxes cheas de simbolismo que dan pé a unha fonda reflexión.
Agardamos poder compartilo con vós, en persoa, moi pronto!